Crece a presión para que o presidente de Corea do Sur dimita tras a fugaz lei marcial
Crece a presión para que o presidente de Corea do Sur dimita tras a fugaz lei marcial
A Asemblea Nacional obrigou a Yoon Suk-yeol a revogar a lei marcial que decretara horas antes
O ministro de Defensa dimite e pide desculpas aos surcoreanos "por causar confusión e preocupación"
A oposición presenta unha moción de censura e hai protestas nas rúas contra o presidente Yoon
Galegos en Seúl, sobre a lei marcial: "Asustámonos. Non entendiamos nada"
Máxima tensión en Corea do Sur. O país vive unha grave crise institucional despois de que o presidente decretase durante unhas horas a lei marcial, pero logo viuse obrigado a revogar a orde tras o rexeitamento do Parlamento.
Os principais sindicatos do país anunciaron unha folga indefinida ata que o mandatario deixe o cargo e os partidos da oposición (o Partido Demócrata e cinco formacións) presentaron unha moción para destituílo. De momento, segue á fronte do Goberno, cuxo partido goberna en minoría, pero os seus ministros xa dimitiron en bloque.
A moción de destitución foi anunciada ante os medios na Asemblea Nacional polos 192 deputados que suman os seis partidos.
O ministro de Defensa dimite e pide desculpas aos surcoreanos "por causar confusión e preocupación"
O ministro de Defensa de Corea do Sur, Kim Yong-hyun, ofreceu este mércores a súa dimisión e pediu desculpas aos surcoreanos "por causar confusión e preocupación" coa aplicación da lei marcial, medida que tamén motivou unha moción de destitución na súa contra por parte da oposición.
Kim puxo o seu cargo ao dispor do presidente surcoreano, Yoon Suk-yeol, e mostrouse disposto a "asumir a responsabilidade por todos os asuntos relacionados coa lei marcial", a través dun comunicado publicado polo Estado Maior Conxunto (JCS) surcoreano.
"Todos os soldados que cumpriron cos seus deberes relacionados coa lei marcial seguiron as instrucións do Ministerio, e toda a responsabilidade recae sobre min", dixo Kim.
A lei marcial "foi levantada e o público retornou ás súas vidas diarias, pero a situación política doméstica e de seguridade non son fáciles", engadiu o ministro, quen sinalou que fará "todos os esforzos para garantir que non haxa disrupcións nas operacións de defensa nacionais".
Kim sería un dos altos cargos de Defensa que suxeriu a Yoon recorrer á lei marcial para facer fronte á complexa situación política que afrontaba o seu goberno en minoría, segundo apuntan os medios locais.
Yoon anunciou a imposición da lei marcial nunha declaración televisada antes da medianoite do mércores para protexer a "orde constitucional" de actividades "antiestatais", das que acusa o principal bloque da oposición, o Partido Democrático (PD), o que tamén cualificou de "forzas pronorcoreanas".
72 horas para a moción de destitución
A moción de destitución foi anunciada ante os medios na Asemblea Nacional polos 192 deputados que suman os seis partidos.
Os seus impulsores sinalaron que prevén votar a proposta o venres 6 ou o sábado 7, dentro do prazo de 72 horas que fixa a normativa. Para aprobala serán necesarios os apoios de polo menos 200 dos 300 escanos que compoñen o órgano unicameral lexislativo.
O PD e outras forzas sumaron 190 votos na véspera en favor de revogar a lei marcial, co que só necesitarían ao redor dunha decena de votos máis para suspender das súas funcións o presidente.
No propio Partido do Poder Popular de Yoon criticouse a súa decisión de aplicar a lei marcial, o líder da formación Han Dong-hoon dixo que era unha medida "errónea", e algúns dos seus deputados votaron de feito a favor de revogala.
Antes de iniciarse a moción, o Partido Demócrata esixiu a Yoon que abandonase o seu cargo e tachou a súa declaración da lei marcial como "unha clara violación da Constitución".
Durante unha reunión de emerxencia do PD, o partido xa advertira que comezaría o proceso de destitución de Yoon se este non dimitía.
Seis horas de lei marcial
Foron horas convulsas e de máxima incerteza, que comezaban con este anuncio por sorpresa da lei marcial de emerxencia feito polo presidente conservador Yoon Suk-yeol. Non se declaraba no país desde 1980 e supón a prohibición das actividades políticas, manifestacións e folgas e mais o control dos medios de comunicación. O mandatario xustificaba a medida para protexer a orde constitucional dunha oposición, a do Partido Demócrata, ao que acusou de simpatizar con Corea do Norte.
Pouco despois do anuncio, un comando duns 300 soldados intentaba entrar na Asemblea Nacional. Os deputados empregaron mesmo os extintores para evitar que entrasen.
Mentres, nunha sesión de urxencia, 190 dos 300 deputados aprobaban unha moción que esixía a retirada desa lei marcial. Nos exteriores do Parlamento, concentrábanse os cidadáns para pedir o arresto do presidente. Seis horas despois de decretala, Yoon Suk-yeol revogaba, obrigado, a orde e ordenaba a retirada dos militares.
A crise institucional evidenciou a debilidade do Goberno de Seúl, incapaz de gobernar sen a maioría parlamentaria que ten a oposición na cámara. De feito, a espita que estivo na orixe deste autogolpe frustrado foi o rexeitamento do opositor Partido Demócrata ao proxecto de lei de presupostos xerais.
O terremoto político nunha das democracias máis sólidas de Asia fixo tremer as bolsas. O won surcoreano derrubouse co anuncio da lei marcial, pero os mercados recuperaron o terreo perdido cando a Asemblea rexeitou a orde presidencial.