Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galegos en Seúl, sobre a lei marcial: "Asustámonos. Non entendiamos nada"

Galegos en Seúl, sobre a lei marcial: "Asustámonos. Non entendiamos nada"

A lei marcial colleu por sorpresa a poboación e os galegos que estudan ou traballan alí

G24.gal 04/12/2024 14:58

A lei marcial colleu por sorpresa a poboación e os galegos que estudan ou traballan alí. É o caso de Amaya Blanco, unha moza de Pontevedra que estuda Comunicación Audiovisual e está de Erasmus en Seúl.

"Obviamente asusteime", conta Amaya, "porque cría que tiña que ver algo con Corea do Norte. As imaxes eran moi fortes. E os amigos de España mandábanme mensaxes á unha da madrugada preguntándome se estaba ben, que non entendían nada. E nós tampouco entendiamos nada". 

Pasou as horas de incerteza pendente das noticias e do teléfono coma o resto dos cidadáns de Corea do Sur. En contacto con compañeiros da universidade de Sogang . "Despois recibimos un correo da universidade de aquí para que non nos preocupásemos", engade Amaya.

Ela non tivo clase, pero a universidade abriu. Outra estudante, Nuria Bouhdid, explica que "no bus non había ninguén. Eramos como tres persoas nese bus que vai á Universidade, e normalmente sempre vai cheo. Estaba un pouco preocupada, a verdade". 

Amaya engade que "agora estamos moito máis calmadas. Temos exames, estivemos estudando".

Falar cos pais tamén lles dá seguridade e forza. Din que están "pendentes por se algo cambia, por se hai que coller voos antes do previsto. Mañá iremos á embaixada para informarnos. Pero de momento faremos vida normal. Imos cear con amigos".

Quédanlles dúas semanas de Erasmus e agardan poder aproveitalas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade