A OTAN quere un proceso "rápido" para o ingreso de Suecia e Finlandia
A OTAN quere un proceso "rápido" para o ingreso de Suecia e Finlandia
Só Turquía segue amosando reticencias entre os trinta Estados que integran a Alianza Atlántica
Finlandia e Suecia deron pasos significativos este domingo para formalizar a adhesión
Os ministros de Exteriores dos trinta países que integran a OTAN reuníanse este domingo en Berlín. Antes da xuntanza, foto de familia que certificaba o apoio case unánime á adhesión de Suecia e Finlandia. O único atranco procede de Turquía, que segue amosando reticencias, pero suavizou a súa postura.
A ministra alemá de Exteriores, Annalena Baerbok, anunciaba tras a reunión que se habilitará unha vía "moi moi rápida" -así o expresou- para a integración de suecos e finlandeses. Sinalou que unha decisión deste calado sería impensable antes do 24 de febreiro; é dicir, da guerra de Ucraína.
Outro dato significativo: o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, falaba da posible despregadura de tropas na rexión báltica e mesmo nos dous países nórdicos para blindar o seu proceso de ratificación.
Candidatura formal
Para a integración na OTAN hai que presentar a candidatura formal. Iso é o que fixeron o presidente e a primeira ministra de Finlandia, despois de que o Goberno aprobara este mesmo domingo solicitar o ingreso.
Os dous lembraban que a política de seguridade finlandesa dá un xiro radical tras décadas de neutralidade pola ameaza que supón Rusia e apelaron a un "cambio histórico".
Desde Suecia, os socialdemócratas, que encabezan o Goberno, tamén amosaban a disposición de integrarse na OTAN e o seu Parlamento debaterá esa opción este luns. En definitiva, todo un golpe estratéxico a Putin, que está a cambiar o mapa da seguridade europea coa invasión de Ucraína.