Publicador de contidos
Publicador de contidos

A poboación que sempre fala castelán en Galicia é maioritaria e un terzo dos nenos saben "pouco ou nada" de galego

A poboación que sempre fala castelán en Galicia é maioritaria e un terzo dos nenos saben "pouco ou nada" de galego

Un informe do Instituto Galego de Estatística certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia que falan sempre en castelán, un 29,66 %, que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua, un 24,37 %

No estudo anterior, de 2018, a situación idiomática aínda era inversa: a poboación que falaba sempre en galego situábase por encima do 30 % e a de quen o facía sempre en castelán estaba nun 24,40 %

A Xunta alega que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes

G24.gal 11/10/2024 13:38 Última actualización 11/10/2024 16:48

O uso habitual do galego continúa perdendo peso na comunidade, segundo os datos feitos públicos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que certifican dous extremos: a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial.

En concreto, o estudo que publica o IGE certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia que falan sempre en castelán -un 29,66 %- que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua -24,37 %-.

As cifras derivan da actualización que realiza este 11 de outubro o instituto demoscópico do módulo específico de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares (unha información realizada a partir de case 10.000 enquisas).

En 2018, cando se publicou o último informe deste tipo, a situación idiomática aínda era inversa: a poboación que falaba sempre en galego na Comunidade situábase por encima do 30 % e a porcentaxe de quen o facía sempre en castelán estaba nun 24,40 %.

En clave de futuro, a suma dos que falan "sempre" en galego e "máis galego que castelán" baixa en termos xerais, pero sobre todo na poboación de menor idade, pero tamén é significativo o dato no que respecta ao coñecemento nas xeracións máis novas.

Así, no apartado relativo a saber falar o idioma, o 32,44 % de nenos de entre 5 e 14 anos sabe falar "pouco ou nada" en galego. O contrapunto está nos maiores de 64 anos: un 16,6 % recoñecen saber "pouco ou nada", pero máis do 50 % afirma dominar o idioma moito.

A Xunta alega que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, alegou este venres que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de castelanfalantes en Galicia.

Esta foi unha das valoracións que o representante autonómico fixo este venres respecto aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que sinalan que a poboación que sempre fala castelán é xa maioritaria e un terzo de nenos de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial.

Sobre o informe, o Goberno galego destaca que 7 de cada 10 persoas se comunican en galego, un 69,25 %.

"O galego continúa na senda de ser a lingua cooficial máis empregada no conxunto do Estado e a maioritaria no territorio", incidiu Valentín García, que remarcou ademais que "practicamente o 100 % da poboación é capaz de desenvolverse en galego na súa vida".

Nesta liña, sinala que ao redor do 94 % das persoas comprende o galego e un 84,35 % da sociedade "ten competencias" na escrita.

Así mesmo, Valentín García precisou que a enquisa engade que neste período de tempo a poboación do exterior que chegou a Galicia é de máis de 115.000 persoas.

"Trátase dun dato moi importante que inflúe directamente no incremento de castelanfalantes, converténdose nun nicho de potenciais neofalantes para os que desde a Administración autonómica xa estamos a deseñar medidas", puntualizou.

Para Valentín García, os resultados deste estudo "constatan que a situación sociolingüística de Galicia é dinámica e está en permanente evolución, mantendo un elevado coñecemento do galego por parte dunha sociedade bilingüe que convive nos dous idiomas cooficiais nun territorio cun modelo que non xera conflitos".

O secretario xeral expresouse así durante a presentación das novas ferramentas do portal Neofalantes.gal, plataforma divulgativa e educativa posta en marcha en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para analizar o proceso de incorporación do uso do galego por parte das persoas que tiveron outro idioma como primeira lingua.

Por outra banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, preguntado esta mañá tamén polos datos do Instituto Galego de Estatística, limitouse a compartir as palabras do secretario xeral e sinalou que, a falta de estudalos con detemento, son "un reflexo da sociedade".

Críticas da oposición e da Mesa

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou as políticas "de acoso e derriba" en materia de lingua do Goberno que preside Alfonso Rueda, que, afirmou, "poñen en risco a superviviencia do galego".

Pontón volveu a demandar a supresión do decreto do plurilingüismo, ao que cualifica como "decreto da vergoña", e emprazou ao presidente da Xunta a que convoque con urxencia aos líderes das forzas políticas "ante a situación dramática da lingua".".

Desde o PSdeG, a portavoz de Lingua, Silvia Longueira, afirmou que a caída de falantes de galego supón "unha emenda á totalidade" das políticas lingüísticas da Xunta e evidencian as medidas "gallegofóbicas" do Goberno do PP.

Longueira afirmou que o titular da Xunta "acumula os dous fitos máis negros para a lingua galega por parte dun goberno", que son "lograr que por primeira vez os castelánfalantes superen en número aos galegofalantes en Galicia" e ordenar a votación en contra do uso do galego no Congreso dos Deputados.

presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, cualificou de "desastre" a situación que mostran os datos publicados este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego e culpou directamente ao Decreto do Plurilingüismo da Xunta de Galicia. "Estamos en emerxencia lingüística extrema", asegurou.

Sobre isto, afirmou que se trata dunha política lingüística "contra o galego", xa que a lingua queda "excluída legalmente do 70 % das materias impartidas" no ensino escolar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar