Publicador de contidos
Publicador de contidos

De Vilapene ao Quinto Pino: os nomes dos lugares, un patrimonio que a RAG busca recuperar

De Vilapene ao Quinto Pino: os nomes dos lugares, un patrimonio que a RAG busca recuperar

Preséntase unha nova edición da campaña 'Toponimízate', impulsada pola Real Academia Galega

G24.gal 29/05/2024 14:46 Última actualización 29/05/2024 16:31

Non hai cartel máis fotografado en todo Cospeito. "Veñen moitos facer fotos", contan. Os veciños de Vilapene xa están afeitos á curiosidade que esperta o seu topónimo.

En Arteixo, os veciños do Quinto Pino tamén toman con humor as anécdotas arredor do seu topónimo. "Os taxistas da Coruña cando piden que te traian ao Quinto Pino preguntan onde está".

Nomes de lugares que nos levan a Exipto ou a Pernaviva. Unha riqueza patrimonial que a Real Academia Galega (RAG) quere recuperar e protexer.

"Esta é a memoria histórica da sociedade galega. Iso é algo que queremos reivindicar e recuperar con ese esforzo de 'Toponimízate' que busca sobre todo que a sociedade se implique", asegura Víctor Freixanes, presidente da RAG.

E chaman desde a academia os concellos a colaborar con esta iniciativa para salvagardar un patrimonio inmaterial que fai de Galicia un lugar único no mundo.

Acción colaborativa na procura dos microtopónimos

Así, a campaña de divulgación da toponimia galega 'Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra' volverá percorrer neste 2024 as catro provincias do país.

Procurará persoas e entidades que se sumen aos milleiros de colaboradores que xa levan tempo participando en recoller nomes non só de aldeas ou parroquias, senón tamén nomes de montes, leiras, fontes, camiños, regos, devesas e outros microtopónimos a través da plataforma Galicia Nomeada e da súa aplicación para dispositivos móbiles.

Valéndose da tecnoloxía e mais da participación cidadá interxeracional, esta iniciativa pretende salvagardar un patrimonio inmaterial que durante séculos funcionou como localizador xeográfico, e que, segundo a RAG, fai de Galicia un lugar único no mundo pola súa abundancia.

'Toponimízate' vai visitar Camariñas, Tordoia e Boiro na provincia da Coruña; Abadín, Antas de Ulla e Láncara en Lugo; Cualedro, Vilar de Santos e A Arnoia en Ourense; e Salceda de Caselas, Barro e A Illa de Arousa en Pontevedra, en sesións encabezadas polo coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG e de Galicia Nomeada, o filólogo Vicente Feijoo, canda a Gonzalo Navaza, académico e profesor na Universidade de Vigo, e colaborador na parte etimolóxica.

Os doce municipios elixidos, explica a RAG, teñen en común seren territorios nos que apenas se actuou cando estaba activo o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG 2000-2011), polo que practicamente toda a súa microtoponimia segue pendente de recoller.

Esta campaña presentouse este mércores nunha conferencia de prensa en que o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, destacou: “Os nomes somos nós”, citando un dos poemas da autora á que este ano se lle dedicaron as Letras Galegas. 

“Vimos de celebrar a figura de Luísa Villalta, unha autora que destacou a importancia que ten a toponimia nas nosas vidas. Esta campaña procura implicar toda a sociedade: veciños e veciñas, asociacións, centros de ensino, comunidades de montes... para entre todos recuperarmos un patrimonio que nos fai singulares e evitar que esmoreza. Salvagardar a nosa toponimia é recuperar toda a historia da nosa terra que se agocha detrás de cada un dos seus nomes”, dixo Freixanes.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, enxalzou a toponimia como “unha das grandes riquezas” do idioma galego e referiuse ao importante labor desenvolvido para a súa protección a través de Galicia Nomeada.

Dende a primeira edición de 'Toponimízate' en 2017, máis de 5.000 persoas participaron nas charlas impartidas por todo o país, apuntou Vicente Feijoo. “E os nomes de concellos, parroquias e aldeas de que se falou en todas as charlas superan os 10.000”, engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade