A resistencia do Río Breogán no Palau durou medio tempo (102-79)
O equipo de Maldonado dominou o primeiro cuarto (21-33), pero foi superado no resto do partido polo Barcelona
O Río Breogán perdeu no Palau a pesar de facer un gran primeiro cuarto e de aguantar o tipo ata o descanso (102-79). A entrada no partido resultou sensacional, cun nivel de acerto moi por riba do habitual. Hilliard e Grant eran imparables para a defensa do Barcelona. O Breogán fixo 7/11 nos lanzamentos de tres, chegou a ir gañando por cinco puntos e parou o marcador aos dez minutos nun 21-33 sorprendente.
O Barcelona espertou no segundo cuarto. Peñarrolla púxolles as pilas en defensa e o conxunto catalán comezou a remontar. Parra e Parker anotaban con facilidade e o Breogán xa non atopaba o xogo fluído. No tempo de lecer o Barça xa lle dera a volta ao resultado cun 48-44.
No terceiro cuarto acabou de encamiñar a vitoria o equipo local. Ao comezo do último cuarto a diferenza achegábase aos vinte puntos (80-61) despois dun parcial de 8-0. Os últimos minutos só serviron para que o local Sarr amosase a súa calidade e marchase como máximo anotador do encontro con 21 puntos. No Breogán Hilliard acabou con 16 puntos, dez no primeiro cuarto.