Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Ribeira Sacra volve optar a converterse en Patrimonio da Humanidade

A Ribeira Sacra volve optar a converterse en Patrimonio da Humanidade

A nova candidatura resalta o valor da auga, as paisaxes, os cultivos tradicionais e o patrimonio inmaterial

Haberá que esperar a que a UNESCO valore todos estes atributos e tome a decisión en 2026

G24.gal 28/12/2024 15:13 Última actualización 28/12/2024 16:40

A Ribeira Sacra está preparada para intentalo de novo e optar a ser declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.

A nova candidatura basea a súa proposta no valor da auga, nas impresionantes paisaxes esculpidas entorno a ela, a supervivencia dos cultivos tradicionais e o patrimonio inmaterial.

"A Ribeira Sacra é cultura, culto e cultivo da auga". Así definen os responsables do proxecto á candidatura as virtudes desta comarca e que sustentan a proposta a ser Patrimonio da Humanidade.

Defenden que é un territorio cunha paisaxe única esculpida e debuxada pola auga, cos canóns do Sil e o Miño, pero tamén cun patrimonio hidráulico, usado para o aproveitamento enerxético.

"Habitualmente na historia do Patrimonio Mundial temos bens que traballan coa auga por escaseza, porque teñen que facer provisión, gardar, coidar. No noso caso temos que manexala, ese manexo é o que chega a  construír esa paisaxe excepcional e cremos que iso é a singularidade", di Mario Crecente, coordinador da Candidatura.

A supervivencia dos sistemas tradicionais de cultivos, a través das terrazas e socalcos, definen un estilo de viticultura. Tampouco se entende a zona sen o papel de igrexas e mosteiros medievais.

O proxecto da candidatura destaca que a Ribeira Sacra conta cunha paisaxe cultural e cun patrimonio inmaterial cun valor excepcional. 

"A auga é un elemento esencial da nosa existencia e da vida, non só forma parte da paisaxe senón tamén do propio sentir dos habitantes", destaca Mª del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural.

A auga marca tamén a estrutura territorial, con patróns de asentamentos e a organización das parroquias definidas polos leitos dos ríos.

"Centenares de afluentes que están a construír este territorio, pero tamén outras formas de auga que co tempo foron construíndo a paisaxe: canles, presas, muíños, batáns", engade Mario Crecente, coordinador da Candidatura.

Haberá que esperar a que a UNESCO valore todos estes atributos da Ribeira Sacra e se merece ser declarada Patrimonio da Humanidade. O paso está dado pero haberá que agardar ata o 2026.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade