Catro encapuchados ameazan cunha pistola e golpean a nai e o fillo na súa casa de Xinzo de Limia
Catro encapuchados ameazan cunha pistola e golpean a nai e o fillo na súa casa de Xinzo de Limia
Levaron un botín de varios miles de euros e deixáronos pechados no cuarto das caldeiras
A muller di que só pedían cartos e que lle deron un golpe na cara a ela, de 62 anos, e outro na cabeza ao fillo, de 38 anos
Asalto moi violento en Xinzo, na provincia de Ourense. Catro encapuchados, armados cunha pistola, entraron nunha casa ás aforas de Xinzo de Limia, intimidaron, golpearon e roubaron os ocupantes da vivenda, unha nai e o seu fillo. Lograron un botín de varios miles de euros e deixáronos pechados no cuarto das caldeiras. A Garda Civil anda agora na procura dos ladróns.
O roubo con violencia ocorreu uns minutos antes das nove da noite, cando os donos da vivenda, unha muller de 62 anos e o seu fillo de 38, entraron na propiedade, catro encapuchados estábanos agardando no xardín. Intimidáronnos cunha pistola e quitáronlles os teléfonos móbiles. Logo meteron o fillo nun coche e levárono polas pistas, e a muller pechárona no cuarto de caldeiras.
Non quixeron falar á cámara, pero a nai e o fillo contáronnos que foron moi violentos e que aínda teñen o medo no corpo. A muller di que só pedían cartos e que lle deron un golpe na cara a ela e outro na cabeza ao fillo.
A casa está situada ás aforas de Xinzo e nas casas lindeiras ninguén sabía do asalto. Os veciños amosábanse sorprendidos polo ocorrido.