Publicador de contidos

Publicador de contidos

A script Encarna Alonso recibirá o Premio de Honra nos Mestre Mateo

A script Encarna Alonso recibirá o Premio de Honra nos Mestre Mateo

Encarna Alonso comezou no cine nos anos oitenta e participou en máis de vinte longametraxes e numerosas series de televisión

A academia destaca o seu amor ao detalle no traballo de script e a estreita relación que establecía cos directores de cine

G24.gal 18/02/2025 14:39

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgar este ano o Premio de Honra Fernando Rey á script Encarna Alonso, un galardón que recollerá o próximo 15 de marzo na gala da XXIII edición dos premios Mestre Mateo, que se celebrará en Lalín.

Así o desvelou este martes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto ao director da Asencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; e a vogal da Academia Galega e tamén script, Alba Gallego.

A Xunta Directiva da Academia do Audiovisual decidiu outorgarlle este premio a Alonso por "formar parte dunha xeración de técnicas pioneira, que foron determinantes para que o nacemento do audiovisual galego moderno desenvolvésese sobre os piares da profesionalidade e a excelencia", sinalou Gallego.

Tamén por ser "un referente" e "abrir camiño á incorporación da muller nunha industria en constante evolución para a igualdade" e pola súa "xenerosidade" ao compartir a súa profesionalidade a través da docencia e o seu compromiso coa divulgación do oficio de script, deixando unha pegada indeleble nas novas xeracións.

Encarna Alonso naceu en 1955 na Ercina (León) pero reside na Coruña desde os anos setenta. Estudou Maxisterio, aínda que traballa na industria audiovisual desde 1987.

A pesar de que comezou a traballar no sector por casualidade, o seu nome pronto se converteu en indispensable na profesión de script, cuxo traballo é fundamental "para garantir a continuidade, coherencia e fidelidade do relato visual e narrativo".

Con case 40 anos de traxectoria, Encarna Alonso acumula máis de sesenta traballos como script en máis dunha vintena de longametraxes, numerosas curtametraxes e ao redor de cincocentos episodios de televisión.

O seu primeiro traballo foi na serie 'Lendas', dirixida por Carlos Amil para Voz TV e transmitida por TVG. Para televisión tamén traballou en series como 'Mareas vivas', 'Nada es para siempre' e 'Pratos combinados'.

En cinema comezou con 'Sempre Xonxa', de Chano Piñeiro, e traballou en longametraxes dirixidas por Carlos Amil, Xavier Villaverde, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herrero e Héctor Carré, entre outros moitos directores.

Ademais, tamén dedicou tempo á docencia, ofrecendo diferentes relatorios e charlas sobre o oficio de script e foi a responsable de organizar diferentes cursos sobre audiovisual e educación agrupados nos Congresos Internacionais de Pedagoxía da Imaxe 'Pé de Imaxe'. Tamén publicou o libro 'O oficio de script' dentro da Colección Cadernos, da Escola de Imaxe e Son da Coruña.

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, sinalou que o Premio Fernando Rey recoñece a traxectoria de profesionais con especial relevancia para o sector audiovisual, co que se pon en valor a figura do actor Fernando Rey, nacido na Coruña en 1917, cunha traxectoria de máis de 40 décadas nas que traballou con importantes directores como Luis Buñuel, Orson Welles ou Franco Zeffirelli.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, José López Campos, sinalou que o audiovisual galego está a ter un impulso "extraordinario", poñendo a Galicia no mapa "a nivel internacional".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade