A UCO sitúa a Begoña Gómez no rescate de Air Europa e di que Ábalos recibiu "contraprestacións"
O PP di que o informe é demoledor e pide a comparecencia de Pedro Sánchez para dar explicacións
A UCO cre que Air Europa alugou unha casa para Ábalos como "contraprestación" polo rescate: "Isto sae gratis"
Di tamén que Ábalos influiu para que outra exparella súa fose contratada: "Á de Xixón non a poden contratar en Renfe, Adif ou algunha das súas subcontratas?"
Implica a Ábalos e a expresidenta do Adif, a galega Pardo de Vera, na fichaxe de Jessica Rodríguez en Ineco
Un novo informe elaborado pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil presentado no marco do caso Koldo no Tribunal Supremo sinala que o exministro José Luis Ábalos puido beneficiarse dun alugueiro dunha casa, Villa Parra, en Málaga a modo de "contraprestación económica" tras apoiar cun comunicado do ministerio o rescate de Air Europa.
"Isto sae gratis polas molestias xeradas", o informou por WhatsApp o seu entón asesor Koldo García.
O informe, ao que tivo acceso Europa Press, explica que a emisión por parte do Ministerio de Transportes dunha nota informativa na que adiantaba conversacións da SEPI con Air Europa para compensar "o impacto da pandemia no seu balance" tivo "un alto valor estratéxico" para a compañía porque "representaba o interese do Goberno en axudar economicamente" a aeroliña con fondos públicos.
Esa nota de prensa, lembra a UCO, foi emitida en agosto de 2020, e o rescate do Estado á aeroliña tivo lugar en novembro dese mesmo ano.
Os investigadores sosteñen tamén que o empresario Víctor de Aldama, presunto conseguidor da trama e conselleiro de Air Europa, comentou ao exasesor ministerial Koldo García que o exCEO da compañía Javier Hidalgo estaba "moi fodido" porque o rescate da aeroliña non cristalizaba e buscaba "alternativas", polo que acababa "de chamar a Begoña", en alusión, posiblemente, á esposa do presidente do Goberno, Begoña Gómez.
"Está fodido moi fodido o tema este, está buscando a vida e acaba de chamar a Begoña", dixo De Aldama o 3 de setembro de 2020 a García, ao que este lle respondeu: "Que chame a Pedro ou a quen faga falta".
Disto, a UCO infere no seu informe, ao que tivo acceso Europa Press, que Hidalgo estaría a estudar recorrer a vías alternativas, "o que supoñería un prexuízo económico para De Aldama, que percibía un salario mensual de Air Europa, e consecuentemente tamén para Koldo García".
Aldama cobrou da aeroliña 12.100 euros mensiais entre novembro de 2019 e novembro de 2020, coincidindo coa aprobación do rescate de Air Europa por parte do Consello de Ministros.
De Aldama, de feito, díxolle a García que cría que "todo se vai á merda", ao que este respondeu que non podían facer máis.

Posible influencia de Ábalos para contratar outra exparella
Nun informe, a UCO di tamén que o exministro Ábalos usou a súa "influencia" para que outra exparella súa, identificada polas siglas CMM, fora contratada por Logirail, empresa pública dependente do Ministerio de Transportes.
A UCO sinala que, da análise do material dixital intervido, despréndese que CMM, exparella de Ábalos, foi contratada por Logirail, empresa pública vinculada ao Ministerio de Transportes, cando "formaba parte do círculo persoal" do entón ministro.
E, "á luz" das mensaxes analizadas, sostén que CMM "contaría para a consecución dese posto de traballo coa influencia do entón ministro Ábalos".
"Para iso, Koldo (García) actuou como transmisor co fin de que dita contratación non só se levase a cabo senón que, unha vez formalizada, non se rescindise", afirma o informe, ao que tivo acceso Europa Press.
No mesmo, os investigadores plasman unha mensaxe de Ábalos a Koldo o 8 de outubro de 2019: "Á de Xixón non a poden contratar en Renfe, Adif ou algunha das súas subcontratas?", ao que o entón asesor do ministro contesta: "Arránxoo".
Implica a Ábalos e Pardo de Vera na contratación da ex do ministro Jessica Rodríguez
Ademais, a UCO implicou a José Luis Ábalos e a expresidenta do ADIF Isabel Pardo de Vera na contratación en 2019 da exparella do exministro na empresa pública Ineco tras as xestións realizadas polo seu exasesor Koldo García.
Un novo informe remitido ao Tribunal Supremo, ao que tivo acceso EFE este mércores, debulla as "evidencias dixitais" que apuntan a que ambos interviñeron na contratación como administrativa de Jessica Rodríguez, con quen o exministro de Transportes mantiña unha relación.
A UCO sospeita que a tamén exsecretaria de Estado Isabel Pardo de Vera fixo efectiva esa contratación tras unha serie de conversas con Koldo García, quen, para iso, "se prevaleu da súa relación con Ábalos". Este último, di o informe, é quen pediría que fichasen a súa parella.
E comeza prestando "especial atención" a unha mensaxe de Koldo García a Pardo de Vera, que considera "revelador": "Só unha cousa, que chamen a moza para que inicie os trámites para a contratación como administrativa de Yoseba que se non Jose córtame os collóns" (sic).
O Partido Popular considera que o informe da UCO é demoledor e que deixa clara a implicación de Begoña Gómez na trama. Os populares piden a comparecencia urxente de Pedro Sánchez.
Cuca Gamarra asegurou que que Begoña Gómez foi "conseguidora" do rescate a Air Europa. Apuntou a que a muller do presidente do Goberno foi "buscada para que influíse no seu marido" co obxectivo de "garantir e acelerar" o rescate da aeroliña.