Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Unión Europea acepta a singularidade ibérica para lidar co prezo da luz

A Unión Europea acepta a singularidade ibérica para lidar co prezo da luz

España e Portugal poderán adoptar medidas específicas para frear a suba da factura eléctrica pola súa condición de "illa enerxética"

G24.gal 26/03/2022 08:58

Os xefes de Estado e de Goberno comunitarios recoñeceron tras case dez horas de negociacións a dificultade de España e Portugal para facer fronte aos elevados prezos da enerxía e finalmente aceptaron que a Península Ibérica se poida beneficiar dun "trato especial" na súa resposta.

Os Vinte e sete atenderon deste xeito unha das principais demandas que o presidente do Goberno español levou á cita na capital europea nunha xornada dedicada exclusivamente a atopar unha saída común á escalada dos prezos da electricidade.

Pedro Sánchez e o seu homólogo portugués, António Costa, fixeran fronte común días antes de desprazárense a Bruxelas para sacar un resultado satisfactorio no cumio. Ambos os dous países chegaban en sintonía con socios como Grecia ou Francia, pero tamén co duro labor de convencer a Alemaña ou os Países Baixos.

Unidade de criterio

O presidente español valorou o acordo na conferencia de prensa que ofreceu ao termo do encontro europeo de Bruxelas, xunto ao primeiro ministro portugués, António Costa, para simbolizar a unidade de criterio nas súas demandas.

A proposta, aceptada malia as reticencias iniciais, permítelles a ambos os dous países da Península Ibérica adoptar medidas específicas para frear a suba da factura eléctrica pola súa condición de "illa enerxética", co convencemento de que non prexudican o resto de Estados membros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade