Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE aproba a directiva para reducir falsos autónomos en plataformas dixitais como Uber

A UE aproba a directiva para reducir falsos autónomos en plataformas dixitais como Uber

Alemaña e Francia foron os únicos Estados membros que non votaron a favor 

G24.gal 11/03/2024 19:31 Última actualización 11/03/2024 20:00

Os ministros de Emprego da Unión Europea deron este luns o seu visto e prace á directiva que pretende mellorar as condicións laborais en plataformas dixitais como Uber e reducir o número de falsos autónomos nesas empresas.

A aprobación tivo lugar na reunión de titulares de Emprego en Bruxelas, en que Estonia e Grecia anunciaron o seu apoio á lei despois de varias abstencións. Tras os cambios das posturas destes países, o texto lexislativo conseguiu suficientes apoios entre os Estados membros.

"Teño o pracer de concluír que o Consello aceptou o texto de compromiso final sobre a directiva relativa á mellora de condicións de traballo nas plataformas", declarou o ministro belga de Traballo Pierre-Yves Dermagne.

Alemaña e Francia foron os únicos Estados membros do club comunitario que non votaron a favor da directiva. Berlín volveu absterse, mentres que París non votou a favor este luns.

O comisario europeo de Emprego, Nicolas Schmit, celebrou que se trata "dunha contribución importante a escala europea", pero salientou que dá "un sinal máis aló das fronteiras de Europa".

O Consello sinalou que o texto acordado logra un equilibrio entre "respectar os sistemas laborais nacionais e garantir uns estándares mínimos de protección para os máis de 28 millóns de persoas" que traballan en plataformas dixitais na UE.

Segundo o pactado, os Estados membros determinarán se os empregados de plataformas son por conta allea ou por conta propia.

"Os Estados membros establecerán unha presunción legal de emprego nos seus sistemas legais, que se activará cando se atopen feitos que indiquen control e dirección (sobre o traballo do empregado)", expuxo o Consello.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade