Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE investirá 35.000 millóns de euros en América Latina e o Caribe

A UE investirá 35.000 millóns de euros en América Latina e o Caribe

Von der Leyen di que Europa aspira a ser "socio preferente" da rexión

G24.gal 17/07/2023 11:41

A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen anunciou este luns que a Unión Europea investirá máis de 45.000 millóns de euros en América Latina e o Caribe a través do programa europeo Global Gateway.

"Máis de 135 proxectos xa están na liña de saída, desde o hidróxeno limpo ata as materias primas críticas, desde a expansión das redes de cables de datos de alto rendemento ata a produción das máis avanzadas vacinas ARN", dixo na apertura dunha mesa redonda con dirixentes políticos e empresariais previa ao cumio UE-CELAC que se celebra este luns e martes en Bruxelas.

A presidenta do Executivo comunitario subliñou que Europa e a rexión de América Latina e o Caribe terán que "acordar xuntos que sectores e cadeas de valor priorizar", e tamén o mellor modo de impulsar estes investimentos con apoio técnico, estándares e capacidades.

Von der Leyen insistiu en que o programa Global Gateway "non só ten o tamaño para marcar a diferenza", senón que representa un "novo enfoque" á hora de investir en grandes proxectos de infraestruturas debido a que os investimentos europeos poñerán o foco en "crear cadeas de valor locais" de modo que o "valor engadido quede en América Latina e o Caribe".

"Ao contrario que outros investidores estranxeiros, non só estamos interesados en investir na extracción das materias primas, queremos asociarnos convosco, construír capacidades de procesado, para facer baterías e produtos finais como vehículos eléctricos", dixo Von de Leyen, subliñando que a UE pode acompañar o seu investimento de "tecnoloxía de primeira clase e formación de alta calidade para os traballadores locais".

Destacou así mesmo o potencial da rexión en materia de enerxías renovables, cun sector eólico e solar que crece "exponencialmente tamén grazas ao investimento europeo" e considerou que "o paso seguinte natural é transformar esa enerxía limpa en hidróxeno limpo", que podería ser facilmente exportado e alimentar industrias como a do aceiro, o cemento ou o transporte limpo, "todo feito en América Latina e o Caribe".

"Hai moito potencial por explorar, podemos facer moito máis", insistiu Von der Leyen, tras destacar a cooperación empresarial e en investimentos que xa existe entre Europa e a rexión americana.

"Europa aspira a ser o socio preferente de América Latina e o Caribe como nós eliximos ser un socio para a rexión. Cremos que a oferta europea á rexión é diferente e importante", insistiu Von der Leyen, para quen o cumio UE-CELAC supón un "novo principio para unha vella amizade" entre ambas as rexións.

España quere aproveitar a presidencia do Consello para relanzar a relación entre Europa e América Latina neste cumio, que non se celebraba dende 2015. Os representantes da Unión Europea e dos 33 países que integran a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños intentarán estes dous días buscar acordos en temas de medio ambiente, cooperación e comercio.

Pedro Sánchez ofreceu a España como porta de entrada aos investimentos da CELAC en Europa, e amosouse optimista sobre a ratificación do acordo entre a Unión Europea e o Mercosur.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade