A UE prohibe definitivamente vender coches que emitan CO2 a partir de 2035
A UE prohibe definitivamente vender coches que emitan CO2 a partir de 2035
Hai un acordo provisional para poñer estacións de carga eléctrica cada 60 quilómetros para coches e 120 para camións
A Unión Europea aprobou hoxe de maneira definitiva a lei que prohibirá a partir de 2035 as vendas de coches e furgonetas novos que emitan CO2, tras semanas de tensións de última hora polo bloqueo sorpresa de Alemaña.
Os ministros de Enerxía dos países da UE aprobaron a lei con 23 votos a favor, a abstencións de Romanía, Bulgaria e Italia e o voto en contra de Polonia. Alemaña votou a favor, despois de que a Comisión Europea e Berlín chegasen a un acordo esta fin de semana.
"Non cambia o texto acordado co Parlamento Europeo", senón que "achega detalles sobre os pasos seguintes na aplicación do regulamento" para incorporar os combustibles sintéticos ou "efuels" á normativa comunitaria", resumiu a comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson.
Os combustibles artificiais -e prohibitivamente caros na actualidade- son os que se producen a partir de hidróxeno verde e dióxido de carbono, pero resultan climaticamente neutrais porque só emiten o CO2 previamente capturado e poden usarse en vehículos con motor de combustión.
Os 'efuels' xa aparecían mencionados no texto negociado, a pedimento de Alemaña e Italia, pero a Comisión dábase ata 2026 para volver retomar a cuestión e deixar nese lapso de tempo que evolucione esa tecnoloxía.
O Executivo comunitario presentará "no outono de 2023" unha lexislación que "especifique como os vehículos con 'efuels' contribuirían aos obxectivos de redución de emisións de CO2, en relación coa regulación das normas de emisión de CO2 para turismos e vehículos lixeiros".
Rede de estacións de carga eléctrica
A presidencia sueca do Consello da Unión Europea e a Eurocámara alcanzaron hoxe un acordo provisional para establecer estacións de carga eléctrica para automóbiles polo menos cada 60 quilómetros e para camións cada 120 quilómetros, mentres que as de reposición de hidróxeno deberán estar polo menos cada 200 quilómetros.
Os negociadores pactaron tamén que en todos os casos o seu uso deberá ser fácil e os prezos claros, xa sexa por quilowatt-hora (kWh) ou quilogramo.
Aínda o ten que aprobar o Comité de Representantes Permanentes dos países da UE no Consello e o comité de Transporte e Turismo do Parlamento e, posteriormente, polo Parlamento e o Consello no seu conxunto.
O novo regulamento establece obxectivos obrigatorios tamén para a subministración de electricidade nos portos marítimos e fluviais e para a subministración de electricidade ás aeronaves estacionadas.
Os grupos de carga eléctrica para automóbiles cunha potencia de polo menos 400 quilowatts (kW) deberán despregarse polo menos cada 60 quilómetros ao longo da rede básica da Rede Transeuropea de Transporte para 2026 e a potencia da rede aumentará a 600 quilowatts para 2028.
O acordo establece ademais o requisito de ter unha estación de carga cada 120 quilómetros para camións e autobuses, pero estas estacións deberían instalarse na metade das estradas principais da UE para 2028 e cunha potencia de saída de 1.400 a 2.800 quilowatts, dependendo da estrada.
Tamén deberá haber dúas estacións de carga para camións en lugares de estacionamento seguros e protexidos a partir de 2028.