Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE propón suavizar as esixencias ambientais da PAC para tranquilizar o campo

A UE propón suavizar as esixencias ambientais da PAC para tranquilizar o campo

As medidas permitirán manter as condicións "sen reducir o nivel de ambición dos obxectivos de protección ambiental e climática"

Protestas dos agricultores en Bruxelas hai unhas semanas Protestas dos agricultores en Bruxelas hai unhas semanas
G24.gal 15/03/2024 17:04 Última actualización 15/03/2024 19:53

A Comisión Europea (CE) propuxo este venres suavizar algunhas das esixencias ambientais ás que obriga a Política Agrícola Común (PAC). Esta medida súmase a outras iniciativas adoptadas nas últimas semanas para tratar de aplacar as protestas dos campesiños europeos.

As novas propostas son "unha resposta directa ás peticións recibidas polas organizacións de agricultores en Polonia e outros lugares", segundo indicou o Executivo comunitario tras unha conversa telefónica entre a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o primeiro ministro polaco, Donald Tusk.

"Os agricultores enfróntanse a incertezas cada vez maiores, en particular causadas por acontecementos xeopolíticos como a guerra de Rusia contra Ucraína. Debemos seguir apoiándoos no contexto actual", engade un comunicado da CE.

Estas propostas teñen como obxectivo "aliviar aínda máis a carga administrativa" e dar aos agricultores e aos estados membros "unha maior flexibilidade para cumprir determinadas condicionalidades, sen reducir o nivel xeral de ambición dos obxectivos de protección ambiental e climática da política agrícola da UE".

O Executivo comunitario asegura que cos cambios propostos "será posible aplicar certas normas dunha maneira que sexa máis compatible coas realidades cotiás que enfrontan os agricultores sobre o terreo".

O portavoz comunitario de Agricultura, Olof Gill, anunciou este venres nunha conferencia de prensa diaria da Comisión que as propostas "foron calibradas con moito coidado para manter a ambición ambiental na política agraria".

O Executivo da UE pon sobre a mesa cambios nalgunhas das prácticas ambientais necesarias para percibir subsidios da PAC e exime as pequenas explotacións, de menos de 10 hectáreas, de controis e de sancións relacionadas cos requisitos de condicionalidade.

"Isto terá un impacto real e inmediato nas numerosas pequenas explotacións de Polonia e a Unión Europea", indicou a CE.

Tamén propoñen eliminar a obriga dos agricultores que reciben subvencións da PAC de non cultivar parte das súas terras, denominadas BCAM (Boas Condicións Agrarias e Ambientais) e pasar no seu lugar a un "plan de incentivos".

"Na práctica, significará animar os agricultores para manter zonas non produtivas, pero sen temer perdas de ingresos se non están en condicións de facelo", precisa o comunicado.

A medida "aplicarase con carácter retroactivo, a partir de principios de 2024".

As novas disposicións foron propostas sen que a Comisión Europea levara a cabo unha avaliación de impacto debido á "emerxencia política", é dicir, as protestas dos agricultores en toda a UE.

Na súa conversa telefónica, Von der Leyen e Tusk falaron tamén de "novas medidas para abordar a situación no mercado de cereais e a importación de cereais de Rusia".

Nese contexto, a Comisión Europea anunciou que "está a avaliar a posibilidade de introducir restricións á importación de produtos agrícolas procedentes de Rusia á Unión Europea" e que presentará en breve unha proposta.

Planas considera que a proposta recolle as peticións de España

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, manifestou este venres que a proposta anunciada pola Comisión Europea recolle as peticións de España para a PAC.

A través dunha mensaxe en X, Planas cualificou de "boa noticia" a proposta presentada por Bruxelas.

"A proposta da Comisión Europea feita pública hoxe recolle as peticións sobre simplificación da PAC realizadas por España, en nome dos nosos agricultores e gandeiros", afirmou o ministro, que mostrou o seu apoio á "súa pronta aprobación polo Consello e o Parlamento" da Unión Europea.

Medidas positivas pero insuficientes

As organizacións agrarias Asaja, COAG e UPA recoñeceron este venres que as propostas da Comisión Europea para simplificar a PAC son positivas pero insuficientes.

O director de Asaja, José María Castilla, destaca entre os aspectos positivos a retroactividade nalgunha das flexibilizacións nos requisitos ambientais ou a posibilidade de modificar os plans estratéxicos nacionais da PAC dúas veces ao ano.

Con todo, lamentou que a proposta soamente suavice determinados controis para explotacións de menos de 10 hectáreas e defendeu que se estenda a medida a máis agricultores.

Fontes de COAG apuntan que a proposta non aborda a competencia "desleal" das importancións de terceiros países, como "tampouco fai mención algunha ao mecanismo de regulación do mercado para garantir uns prezos rendibles para os agricultores".

A organización precisou que haberá que ver como as novas propostas se aplican en España, debido a que se deixa "bastante marxe" de actuación aos países. 

A vicesecretaria xeral de UPA, Montserrat Cortiñas, considerou "positivo que a Comisión movese ficha", "un éxito das mobilizacións dos agricultores en todos os países". 

A responsable expresou o seu interese en que algunhas medidas expostas, como as referidas á rotación de cultivos ou os barbeitos no regadío, se apliquen na campaña da PAC actualmente en vigor.

Cortiñas defendeu a mobilización dos produtores como un instrumento para "lograr unha boa negociación", polo que se mantén a presión nas rúas e estradas do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade