Publicador de contidos
Publicador de contidos

A ultradereita gaña por primeira vez unhas eleccións en Italia

A ultradereita gaña por primeira vez unhas eleccións en Italia

 Giorgia Meloni será, aos seus 45 anos, a primeira muller á fronte dun Goberno en Italia

Meloni gobernará en coalición coa Liga e Forza Italia, cos que suma maioría absoluta 

 Enrico Letta non volverá a optar á secretira xeral do PD tras os malos resultados: "É un día triste para Italia e para Europa"

Giorgia Meloni, a líder do partido Irmáns de Italia, durante a súa intervención para valorar os resultados das eleccións
G24.gal 26/09/2022 06:10 Última actualización 26/09/2022 13:15

A coalición da dereita, formada por Irmáns de Italia (FdI), Liga e Forza Italia (FI), impúxose nas eleccións xerais co 44,1 % dos votos, e FdI de Giorgia Meloni é o partido máis votado do país co 26,2 %, polo que será ela a encargada de formar o Goberno, cando se escrutaron case a totalidade das papeletas.

Meloni remitiu os medios a unha comparecencia nas próximas horas para avaliar polo miúdo os resultados, pero no seu primeiro discurso, esta noite nun hotel de Roma, asegurou que a dereita gobernará para unir a todos os italianos, convencida de que a súa vitoria non e un punto de chegada senón de partida.

No longo reconto que ás 8:00 horas (6:00 GMT) continuaba desde que ás 23:00 horas (21:00 GMT) pecharon os colexios electorais, certificouse a baixada da liga de Matteo Salvini, que no Senado quedou no 9 %, un tremendo pau respecto ao 17,3 % das últimas eleccións políticas e do 34 % das últimas eleccións europeas, que hoxe o seu líder explicará nunha comparecencia aos medios. Mentres, Forza Italia mantense no 8,3 %, por encima do que se preveu.

Tamén comparecerá este luns o secretario xeral do Partido Demócrata (PD) Enrico Letta, que segundo os resultados quedou nun 19,1%, por baixo da barreira psicolóxica do 20 %, cun resultado lixeiramente superior ao 18,7 % obtido nas políticas de 2018, que fora o máis baixo na historia do partido pero que podería non salvar a saída de Letta.

Na coalición de esquerdas, que conseguiu o 26,2 %, practicamente os votos de Meloni, a alianza Esquerda-Verdes, co 3,5 %, superou o limiar do 3 % para ter unha representación parlamentaria, mentres que + Europa podería quedar xusto por baixo desta porcentaxe.

Un dos mellores resultados foi para O Movemento Cinco Estrelas (M5S), que obtivo o 15,3 % dos votos, menos da metade do que levou en 2018 pero aínda varios puntos máis do que estimaban as enquisas ao comezo da campaña electoral, tras a ruptura cun dos seus homes fortes, o ministro de Exteriores Luigi di Maio, que quedará fóra do Parlamento tras o fracaso da súa nova formación.

O chamado Terciro Polo, formado pola centrista Acción de Carlo Calenda e Italia Viva do exmandatario Matteo Renzi, quedou nun 7,7 %, moi por baixo do esperado.

Hoxe os partidos políticos terán que analizar sobre todo o que foi o vencedor nestas eleccións: a abstención, xa que a afluencia foi do 63,91 %, dez puntos porcentuais menos que en 2018, cando xa fora a peor na historia republicana.

"Chegou unha indicación clara dos italianos sobre estas eleccións políticas, un goberno de centro-dereita liderado polos Irmáns de Italia", dixo Meloni ao comentar os primeiros resultados ao redor das dúas e media da madrugada.

A maioría da dereita debería estar entre 105 e 125 escanos no Senado, dos 206 escanos totais (200 máis senadores vitalicios), máis dunha decena de escanos por baixo dos dous terzos que permitiría cambiar a Constitución sen pasar por un referendo e sen involucrar outros partidos.

Entre os partidos máis pequenos, nin Italexit nin a Unión Popular superaron o limiar do 3 % que permitía a entrada no parlamento.

Letta: "É un día triste para Italia, para Europa, e espérannos días duros"

O líder do Partido Demócrata (PD), Enrico Letta, prometeu hoxe que serán unha oposición "dura e intransixente" e que non permitirán que "Italia saia do corazón de Europa e dos valores europeos", tras a vitoria da ultradereita de Giorgia Meloni e os seus aliados dereitistas.

Letta anunciou ademais que non se volverá presentar como secretario xeral do PD no próximo congreso previsto en marzo e que deixará o liderado despois dos malos resultados electorais, nos que o partido quedou por baixo do 20 %.

"Os italianos elixiron claramente, elixiron a dereita e haberá un Goberno de dereitas. É un día triste para Italia, para Europa e espérannos días duros. Loitamos de todos os modos posibles para evitar isto, polos nosos valores e por unha idea de Italia e do noso futuro", dixo.

Bruxelas espera unha "cooperación construtiva" co novo Goberno italiano

A Comisión Europea dixo que espera unha "cooperación construtiva" co futuro Goberno italiano, que previsiblemente estará liderado pola líder de extrema dereita, Giorgia Meloni. "A Comisión e a presidenta traballan cos Gobernos que saen das urnas das eleccións dos países da UE e non vai facer unha diferenza neste caso. Esperamos unha cooperación construtiva coas novas autoridades italianas", dixo o portavoz xefe da institución, Eric Mamer.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade