Publicador de contidos
Publicador de contidos

Centristas e democristiáns achéganse á maioría para formar goberno en Irlanda

Centristas e democristiáns achéganse á maioría para formar goberno en Irlanda

O lento reconto das eleccións xerais do venres continúa este domingo cos dous grandes partidos máis preto dos 88 escanos

Imaxe do debate final televisado antes das eleccións. Niall Carson/Pool vía REUTERS Imaxe do debate final televisado antes das eleccións. Niall Carson/Pool vía REUTERS
G24.gal 01/12/2024 11:59 Última actualización 01/12/2024 12:19

O lento reconto das eleccións xerais irlandesas do venres continúa este domingo cos dous grandes partidos máis preto dos 88 escanos que lles darían a maioría para reeditar a coalición de centrodereita.

Polo momento, adxudicáronse 41 dos 174 asentos que compoñen o Dáil (cámara baixa), pero as proxeccións indican que o centrista Fianna Fáil de Micheál Martin podería lograr ata 50 deputados, fronte á trintena longa do democristián Fine Gael, do primeiro ministro, Simon Harris.

O esquerdista Sinn Féin de Mary Lou McDonald, líder da oposición, confía en superar os 37 que obtivo nos comicios de 2020, cando foi o partido máis votado pero quedou a un escano de Martin e non puido formar goberno ante a falta de apoios no espazo progresista.

A dirixente nacionalista atópase agora na mesma situación, mentres que Martin e Harris xa indicaron que queren explorar pactos para formar un goberno estable, por suposto, sen o Sinn Féin, antigo brazo político do xa inactivo IRA.

Ambos os dous líderes prevén sumar máis de 80 escanos e recoñecen que necesitan achegarse aos 90 para manexar con garantías o executivo de Dublín durante os próximos cinco anos.

Explorar novos pactos

Centristas e democristiáns gobernaron a lexislatura anterior co Partido Verde, pero o esboroamento dos ecoloxistas obrígaos a mirar agora a outras formacións minoritarias ou ao bloque dos independentes.

Os seus posibles socios serían o Partido Laborista e os Socialdemócratas, forzas da esquerda moderada irlandesa que xa se mostraron dispostas a explorar pactos.

Martin asegurou este sábado que ten unha "folla de ruta moi clara" para regresar ao poder e confiou en poder negociar coas partes a formación dun executivo para xaneiro, coincidindo coa chegada de Donald Trump á presidencia dos Estados Unidos.

Coalición histórica

Tras as eleccións xerais de 2020, o Fianna Fáil e o Fine Gael tardaron máis de cinco meses en pechar esta coalición histórica entre os dous partidos que repartiron o poder en Irlanda durante case un século.

Entón, centristas e democristiáns, rivais desde a Guerra Civil (1922-1923), decidiron rotar o posto de taoiseach (primeiro ministro), con Martin á fronte na primeira metade da lexislatura e Leo Varadkar na segunda, ata que dimitiu en abril para dar paso a Harris.

Se o Fianna Fáil supera o Fine Gael en máis de cinco ou seis escanos, Martin podería postularse como o único xefe de goberno no futuro executivo de coalición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade