A Unión Europea di que está preparada para un inverno con menos gas ruso
A Unión Europea di que está preparada para un inverno con menos gas ruso
A empresa rusa Gazprom pechou indefinidamente o gasoduto Nord Stream 1
A decisión prodúcese despois de que o G-7 lle puxera topes ao petróleo ruso
A empresa que monopoliza o gas ruso, Gazprom, pechou indefinidamente o gasoduto Nord Stream 1, a fonte principal de abastecemento de gas ruso a Europa.
Gazprom xustifica a súa decisión nunha avaría detectada na única estación compresora activa, unha fuga de aceite que mostraron a través dunha foto.
A empresa encargada do mantemento, a alemá Siemens, di que a fuga non é motivo suficiente para pechar a instalación.
Activos os gasodutos de Ucraína e Turquía
O Nord Stream 1 leva o gas desde Rusia a Alemaña, baixo o mar Báltico, e no momento da interrupción xa estaba funcionando unicamente ao 20 % da súa capacidade. Polo momento, quedan parcialmente activos os gasodutos que cruzan Ucraína e Turquía.
Resposta rusa á decisión do G7 e da UE
Esta nova redución do gas ruso aos países que se opoñen á invasión de Ucraína prodúcese despois de que os gobernos integrados no G-7 pactaran a imposición dun tope ao prezo do petróleo ruso, coa intención de que Rusia perda arredor de mil millóns de euros diarios e teña máis dificultades para financiar a guerra.
A interrupción tamén se produce despois de que Europa anunciara a restrición de visados para os cidadáns rusos.
Gas suficiente para afrontar o inverno
Desde a Unión Europea, o presidente do Consello, dixo que a decisión rusa non lles sorprende, e que empregar o gas como arma non cambiará a posición comunitaria.
Por outra banda, o comisario europeo de Economía asegura que a Unión está preparada para afrontar o inverno con menos gas ruso, xa que os niveis de almacenamento superan o 80 % dos depósitos, cunha diminución prevista do 15 % no consumo de gas.