A vicepresidenta arxentina non se decatou do intento de asasinato
A vicepresidenta arxentina non se decatou do intento de asasinato
Cristina Fernández declarou ante a xustiza que non viu a arma
A vicepresidenta arxentina declarou ante a xustiza que non se deu conta do que estaba a pasar cando sufriu este xoves un intento de asasinato, segundo informan medios locais.
Durante a tarde do venres, a xuíza que leva o caso, María Eugenia Capuchetti, e o fiscal Carlos Rívolo achegáronse ata o domicilio de Cristina Fernández para tomarlle declaración.
A vicepresidenta díxolle á maxistrada que non se decatou cando o home lle apuntou dúas veces ao rostro, sen que se disparase a pistola.
De acordo co portal de novas Infobae, no momento en que apareceu a arma agachouse para buscar un libro e, ao incorporarse, os gardacostas detiveron o suxeito.
Gardar silencio
O acusado preferiu gardar silencio e negouse a prestar declaración. Efectivos da Policía Federal comisaron cen proxectís calibre 9 mm na súa casa, no municipio bonaerense de San Martín, na contorna da capital.
A investigación xudicial vai continuar durante a fin de semana con peritaxes do teléfono móbil e dun computador portátil do detido, co obxectivo de tentar determinar se actuou en solitario.