A Xunta destinará 230 millóns ata 2027 para a transformación do sector da automoción
A Xunta destinará 230 millóns ata 2027 para a transformación do sector da automoción
As axudas irán destinadas ás empresas auxiliares que abordan o paso a unha mobilidade máis sostible
O Consello da Xunta aprobou este luns destinar 230 millóns de euros ata o ano 2027 para apoiar o sector auxiliar da automoción na súa transformación cara a unha mobilidade máis sostible.
Segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, Galicia é a "primeira comunidade en implantar un paquete de medidas específicas".
Neste sentido, este luns xa se aprobou un paquete de 50 millóns de euros para a primeira convocatoria para un plan extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou o plan director da automoción 2025-27 "está preparado" e remitirase este martes, 26 de novembro, para informes finais do Consello Económico e Social (CES) e do Consello Economía e Competitividade.
Lorenzana explicaba que os criterios que definen as primeiras axudas de 50 millóns están baseados en tres eixos: a transición ao ecosistema de mobilidade eléctrica e conectada, a descarbonización de todos os procesos produtivos e loxísticos e o apoio a adopción de modelos green factory.
Dos 50 millóns de euros en axudas anunciados este luns, o 90 % (45 millóns) corresponden a fondos Feder e o 10 % restante (5 millóns) a fondos propios da Xunta.
No Consello deste luns, o Goberno galego tamén autorizou licitar a redacción dos proxectos de interese autonómico (PIA) para a construción de 15.000 vivendas protexidas por parte de promotores privados, dentro da Estratexia de solo residencial 2025-2028 que aprobou o pasado mes de xuño e que contempla un total de 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres.
O orzamento é de 2,6 millóns de euros para a redacción dos proxectos en seis cidades (todas menos Ferrol) co obxectivo de que os promotores poidan ter o chan dispoñible para empezar a construír a partir de 2028.
O 2 de decembro empezarán a facerse cribados para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos
O Consello da Xunta tamén aprobou que o vindeiro luns 2 de decembro arrinquen os cribados para detectar cardiopatías conxénitas en "todos" os bebés nados no Servizo Galego de Saúde (Sergas).
As probas para detectar estas patoloxías, causantes do 20 por cento dos falecementos durante o primeiro mes de vida, relizaranse nas primeiras 24 horas tras o nacemento.
Faranse a "todos" os bebés nados no Sergas. "E instaremos tamén a que se faga na privada", engadiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen aproveitou para reivindicar que Galicia conta cunha carteira de 37 cribados neonatais, "por enriba" dos marcados como obrigatorios no Sistema Nacional de Saúde.