A Xunta e o sector naval crean unha ferramenta para facilitar o acceso aos fondos do PERTE
A Xunta e o sector naval crean unha ferramenta para facilitar o acceso aos fondos do PERTE
Francisco Conde insiste en que a asignación non é suficiente para os retos que enfronta o sector
O sector naval conta xa cunha ferramenta nova para posicionar o sector na repartición dos fondos europeos do plan de recuperación. Con Conecta Naval actívase unha xanela única que permitirá a comunicación directa coas empresas para xestionar as iniciativas que se presentan dende Galicia para optar a estas axudas.
Xunta e Pymar colaboran directamente neste proxecto. O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, insistiu en que a asignación orzamentaria non é suficiente para os retos que enfronta o sector.
"O sector naval de Galicia leva tempo traballando en proxectos que pon de manifesto a súa aposta pola diversificación e o desenvolvemento sustentable, tecnolóxico e dixital", dixo Conde, quen puxo como exemplo a transformación que se está dando na cadea de valor industrial do naval de cara ás enerxías renovables mariñas e a aposta pola formación e o emprego cualificado.
"Os fondos europeos destinados ao PERTE do naval teñen que ser o impulso definitivo a todo este esforzo", sentenciou o vicepresidente.