A Xunta investirá case 30 millóns en Pontevedra para crear o terceiro Centro de Alto Rendemento de España
A Xunta investirá case 30 millóns en Pontevedra para crear o terceiro Centro de Alto Rendemento de España
A previsión é que as obras comecen a finais do ano 2026 ou comezo do 2027
O Consello da Xunta aprobou este luns un investimento de case 30 millóns de euros para a creación en Pontevedra dun Centro de Alto Rendemento (CAR) para deportistas, coa previsión de que as obras comecen a finais do ano 2026 ou no ano 2027.
Segundo explicou o conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, será o terceiro CAR de España, e crease co obxectivo é "ampliar as instalacións existentes e dar cabida a máis disciplinas e máis deportistas", que "ningún profesional teña que irse de Galicia" para desenvolver a súa carreira deportiva "por falta de infraestruturas axeitadas", e tamén poder "atraer deportistas a Galicia".
O futuro centro será "complexo de 120.000 metros cadrados" que contará con "instalacións para a práctica de bádminton, ximnasia, deportes de combate, escalada ou atletismo". Contará cunha "zona exterior con circuítos de BMX, BTT, skate, entre outros, e un centro especializado en tiro olímpico e paralímpico".
As instalacións terán tamén "aulas de formación e unha residencia para concentracións ou estancias de deportistas de alto nivel".
O novo CAR de Pontevedra vaise materializar en Cernadiñas Novas, onde xa existe un acordo previo cos veciños e co Concello para o uso do solo.