A Xunta remarca que as 24 bandeiras verdes mostran o "compromiso crecente" dos concellos co medio ambiente
A Xunta remarca que as 24 bandeiras verdes mostran o "compromiso crecente" dos concellos co medio ambiente
A Xunta destaca que "cada vez son máis" os municipios que aspiran e conseguen este recoñecemento; este ano as solicitudes creceron un 33 %
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou o "compromiso crecente" co coidado da paisaxe e do medio ambiente que demostraron os 24 concellos galegos que recibiron a bandeira verde no marco da convocatoria de 2024.
Así o fixo este sábado durante o acto de izado da bandeira verde en Porto do Son (A Coruña), onde remarcou que "cada vez son máis" os municipios que aspiran e conseguen este recoñecemento.
O ano pasado o Goberno galego, mediante o Instituto de Estudos do Territorio (IET), recibiu un número récord de solicitudes e concedeu 24 galardóns, un 33 % máis que o ano anterior e a cifra máis alta desde a primeira edición.
Por iso, subliñou a importancia deste programa pola visibilidade que lle dá aos concellos como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes accións e boas prácticas.
No caso concreto de Porto do Son, a conselleira destacou que este é o quinto ano consecutivo que recibe o galardón e que, de feito, é o único municipio de toda Galicia que mantén este distintivo de forma ininterrompida desde a primeira edición.
Outro dos concellos distinguidos en 2024 é Boiro, que esta ese sábado tamén izou a súa bandeira verde.
Alí, a conselleira explicou que este municipio é a primeira vez que recibe o distintivo e, ademais das accións vinculadas coa xestión de residuos e a habitabilidade, destacou o seu interese por conectar os núcleos rurais interiores coas zonas litorais máis poboadas.