A Garda Civil alerta do aumento na Rede do chamado calote do supermercado
Facéndose pasar polo supermercado de confianza da vítima, os estafadores contactan coa vítima por mensaxe asegurándolle que gañou un sorteo
Unha mensaxe con trampa que só busca conseguir os datos persoais e bancarios da vítima
A mensaxe chega ao correo persoal da vítima. Procede do seu supermercado de confianza. O gancho é un sorteo e o obxectivo conseguir os datos persoais e bancarios da súa vítima. "Ese enlace diríxete a unhas páxinas fantasma, propiedade dos estafadores, así obteñen os teus datos para acceder as túas contas", explica Félix Caramés desde a Unión de Consumidores de Galicia.
A primeira vista semella unha mensaxe oficial pola boa falsificación do logotipo e imaxe corporativa do supermercado. "Dóuranche a pílula, de momento non piquei mañá non sei", asegura unha muller.
Na rúa a maioría dos cidadáns aseguran que desconfían destas mensaxes. "E non pico"; di unha muller, outra asegura que "elimino todas as mensaxes".
Pero o certo é que os ciberestafadores cada vez están mellor preparados e contan con mellores medios polo que é fácil caer no engano. "É fácil si", recoñece unha muller. Un home cre que "Os ciberdelincuentes cada vez están máis especializados".
As mensaxes, ben por correo electrónico ou sms, ou as chamadas de teléfono son os medios máis usados polos estafadores. "A min chamáronme e pedíanme o número de conta bancaria e xa lles dixen que non", explica unha muller.
O calote do supermercado é un dos máis frecuentes e con el poden chegar a baleirar a conta bancaria da vítima. "Chegan mensaxes do supermercado, dos bancos"; di unha muller, outra asegura que ten medo "a que entren na conta".
A ciberdelincuencia dispárase, no último ano este tipo de delitos medraron ata un 15 por cento.