Investigado un home de 96 anos por ameazar cunha pistola dous sanitarios en Guntín
É sospeitoso de apuntar cunha pistola de simulación os facultativos que acudiron á súa casa para prestarlle atención sanitaria a unha familiar súa que estaba encamada
![](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250205/ARQ-EDL-mercedes-TILVEGUNTINDOS-TILVEGUNTINDOS-1_frame_567.png)
A Garda Civil imputou como investigado pola suposta comisión dun delito de ameazas con arma curta a un veciño de Guntín, Lugo. Un ancián de 96 anos é sospeitoso de apuntar cunha pistola de simulación os facultativos que acudiron á súa casa para prestarlle atención sanitaria a unha familiar súa que estaba encamada.
Segundo a información facilitada pola Comandancia da Garda Civil, os feitos polos que foi imputado sucederon o pasado mes de xaneiro en Guntín, cando dous facultativos se desprazaron a unha vivenda nese municipio lucense para prestarlle atención sanitaria a unha paciente que estaba encamada.
Cando chegaron ao domicilio, o investigado, ao que lle falta pouco para facer os 97 anos, recibiunos na porta de entrada cunha pistola na man, unha arma que, polo menos en aparencia, parecía real, e ameazounos verbalmente. Aínda que a persoa investigada negou posteriormente ante os gardas que ameazase os facultativos cunha pistola, os axentes atoparon a arma nunha mesa próxima á entrada da vivenda, debaixo dunhas toallas. Comprobaron, así mesmo, que se trataba dunha arma de simulación, que aínda tiña unha bala na recámara.
Ademais, nun colgadoiro situado na cociña da vivenda atoparon colgada unha escopeta de caza. Ambas as armas foron intervidas, “dada a situación de risco existente”. Dáse a circunstancia de que o nonaxenario ten permiso de armas en vigor, especifica a nota. A persoa investigada e as dilixencias policiais foron postas á disposición xudicial.