Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda pediralle a Sánchez unha reforma do financiamento negociada "multilateralmente" 

Rueda pediralle a Sánchez unha reforma do financiamento negociada "multilateralmente" 

A Xunta remite á Moncloa unha proposta de temas para tratar entre Rueda e Sánchez na xuntanza deste venres

G24.gal 19/09/2024 13:42

A Xunta remitiulle este xoves á Moncloa un documento en que lle propón cinco puntos de asuntos prioritarios para a comunidade que o presidente galego, Alfonso Rueda, quere abordar co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, na reunión que celebrarán este venres. A cita será ás 12:30 do mediodía e enmarcase na rolda de contactos que o presidente do Goberno vai manter cos mandatarios autonómicos.

Alfonso Rueda pediralle a Sánchez unha reforma do financiamento autonómico negociada "multilateralmente" entre todas as comunidades e que convoque a Conferencia de Presidentes. Demandará tamén o impulso de infraestruturas, como o AVE a Portugal, o traspaso e gratuidade da AP-9, o corredor atlántico de mercadorías ou a planificación eléctrica.

Na carpeta que levará o presidente da Xunta á Moncloa inclúe ademais proxectos industriais e de transición verde que están á espera de fondos de europeos; transferencia de competencias pendentes e cuestións relacionadas coa sanidade, a dependencia, a vivenda, os sectores primarios ou o Xacobeo 2027.

Pontón volve pedirlle a Rueda "disposición para concretar" a quitación de débeda

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou este xoves a súa crítica polo rexeitamento de Alfonso Rueda a unha posible condonación da débeda de Galicia, e volveu a reclamar, a 24 horas de que se produza a reunión entre o presidente galego e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que o titular da Xunta "se aparte parte dos intereses do PP" e acuda ao encontro "con toda a disposición" para concretar esa quitación de débeda, en favor dos intereses dos galegos e galegas.

Sinalou que ao BNG preocúpalle "que Alfonso Rueda "persista no disparate de dicir 'non' á redución da débeda do 20 %". "É unha situación inédita e disparatada", insistiu, e reiterou que ningunha persoa rexeitaría unha quita así na súa hipoteca, e que se un directivo dunha empresa con 14.000 millóns de débeda fixéseo sería "inmediatamente despedido".

Besteiro apela a Rueda a "defender os intereses de Galicia"

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, apelou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, a "defender os intereses de Galicia" na reunión que manterá este venres co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e "non os do Partido Popular".

Besteiro asegurou que Pedro Sánchez manterá a "man tendida" para ampliar o financiamento das comunidades autónomas desde a cogobernanza. Aplaude que o Goberno se amose aberto a condonar a débeda a Galicia.

O PP di que Rueda "defenderá a dignidade de Galicia" ante Sánchez fronte a quen busca "erosionar a igualdade entre todos os españois"

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, erixiu este xoves á súa formación "no único partido que defende de verdade a dignidade de Galicia", antes de augurar que iso será, precisamente, o que o seu líder e titular da Xunta, Alfonso Rueda, trasladará na reunión co presidente Sánchez.

Os populares galegos esperan que Pedro Sánchez atenda as demandas de infraestruturas en Galicia e recordan que o financiamento autonómico é unha cuestión que afecta a todos os españois.

Paula Prado, preguntada sobre se debería aceptar a condonación de débeda, rexeita acordos fora do marco multilateral. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos