Asoballadora estrea do Baxi Ferrol en competición europea
Asoballadora estrea do Baxi Ferrol en competición europea
Derrotou ao PB63 en Italia por un contundente 47-89 e encamiñou o pase á seguinte rolda
A aparición europea do Baxi Ferrol non puido ser mellor. Derrotou con contundencia ao PB63 Battipaglia en Italia por 47-89 e deixou resolto o pase á segunda fase da Eurocup.
Os temores da estrea quedaron disipados ao comezo cun parcial de 2-14. Mimi Collins machacaba o aro contrario e o Baxi non facía máis que aumentar a vantaxe co paso dos minutos ata chegar ao 8-27 co que rematou o primeiro cuarto. No segundo a diferenza non deixou de medrar. Cunha canastra de Blanca Millán foise ata os 25 (11-36) e na última xogada do primeiro tempo pasouse a barreira dos trinta puntos (21-52).
O terceiro cuarto parecía calmar a furia anotadora do Baxi pero as xogadoras de Lino López volveron centrarse e conseguiron poñer 35 de marxe (31-66). No último cuarto caeron os corenta de vantaxe para un Baxi Ferrol que xa se sabía moi superior. O resultado (47-89) fala ás claras do partido.