Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta urxe unha reunión sectorial do agro para tratar o posible impacto do acordo con Mercosur

A Xunta urxe unha reunión sectorial do agro para tratar o posible impacto do acordo con Mercosur

Pide ao ministro de Agricultura unha reunión que axude a paliar a "preocupación" e esclarecer as "incógnitas" dun acordo que ofrece novas oportunidades para a industria

O Igape abrirá unha nova antena empresarial no Brasil para dar apoio a compañías polas oportunidades que se abren para sectores como a automoción

Conselleiras do Medio Rural, María José Gómez, e de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana / Xunta
G24.gal 18/12/2024 15:44

A Xunta urxe o Ministerio de Agricultura a convocatoria dunha conferencia sectorial para abordar o acordo entre a UE e os países de Mercosur debido á "preocupación" polo impacto que pode ter no agro galego.

Así o expuxo a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, nunha conferencia de prensa conxunta coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, na que se comprometeu unha "vixilancia continua" por parte da Xunta neste proceso pendente de ratificación, para o que se preparan diferentes encontros con sectoriais galegas para ir "anticipando escenarios".

María José Gómez dixo que son "conscientes das inmensas protestas" do sector agrogandeiro durante este ano, ao que se suma a "ameaza" deste acordo sobre o que se "descoñece" a súa "implicación real". Por tal motivo, pide ao ministro de Agricultura, Luis Planas, unha conferencia sectorial na que "esclarecer" o impacto que vai ter no sector primario, pois apunta que hai "moitas incógnitas".

Aínda que valora aspectos positivos que pode haber como un abaratamento da importación de materias primas para a alimentación do gando, alerta da "ameaza" polas dimensións "moi grandes" de sectores do agro en países como a Arxentina ou o Brasil. E é que ademais de competencias en prezos apunta aos "condicionantes" en sanidade animal e vexetal, co uso de aditivos e pensos que "se foron eliminando" en Europa.

A conselleira de Medio Rural relata que o sector da carne é "un dos máis vulnerables", polo que "preocupa" o impacto desta competencia para os produtores galegos, ademais da potencialidade de países suramericanos nos elaborados lácteos.

Con todo, Lorenzana fai fincapé en que está previsto que se establezan cotas para produtos "sensibles" como a carne que limiten as cantidades para importar, cunha "progresividade" no acordo.

A isto súmase que a partir de xaneiro comezará a negociación da nova Política Agrícola Común (PAC), polo que se debe establecer como "se vai protexer ao sector agroalimentario", afirma Gómez.

Oportunidades

Respecto diso, Lorenzana explicou que o "fito histórico" deste acordo, aínda pendente de ratificación na Unión Europea, suporá eliminar máis do 90 % dos aranceis e "novas oportunidades" para a industria, máis aló do impacto en sectores como o agro. Lembra que a UE prevé un fondo de 1.800 millóns para apoiar a transición ecolóxica de países suramericanos, polo que haberá "sinerxías" que poden ser aproveitadas por empresas galegas.

Así, Lorenzana detallou diferentes sectores para os que se abren oportunidades con este acordo, tales como automoción, químico, naval, tecnolóxico, pesca e agroalimentario a través do viño en países como o Brasil.

Avoga por "equilibrar" a futura competencia de produtos agroalimentarios suramericanos, de "estándares menos esixentes", para o que require controis "estritos e transparentes", co que se poidan "mitigar" posibles efectos negativos.

A Xunta valora tamén facilidades que se implementarán para a internacionalización de pemes, como bases de datos para "simplificar" as súas xestións de exportacións e un sistema automatizado de xestión aduaneira. A conselleira de Economía pon o foco igualmente na oportunidade para Galicia pola "proximidade lingüística" con Brasil.

Lorenzana chama a "aproveitar esta oportunidade", pero con "prudencia" e co obxectivo de que todos os sectores sexan "escoitados" e "protexidos".

Nova antena empresarial no Brasil

Paralelamente, Lorenzana anunciou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) abrirá unha antena empresarial no Brasil para o "acompañamento" de compañías e a súa atención personalizada fronte as oportunidades que abre o acordo con Mercosur.

Esta antena sumarase á rede de apoio a empresas xa existente en México, os Estados Unidos, Marrocos, a China, o Xapón e os Emiratos Árabes. Agora elíxese O Brasil porque é o principal destinatario de exportacións galegas e españolas na zona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade