A Xunta volve activar a alerta laranxa por temporal costeiro e preocupa a enchente dos ríos

As precipitacións poden ser abondosas na provincia de Pontevedra

G24.gal 08/11/2023 21:12 Última actualización 08/11/2023 21:26

O río Umia adoita levar unha altura de dous metros e medio. Pero cos últimos temporais chegou a preto de cinco. En Caldas non sorprende, pero preocupa que se repitan os asolagamentos da fin de semana.

"Co que choveu durante tres semanas, isto non hai quen o arranxe. A auga sae por todas as partes. Ata polos sumidoiros", conta un veciño.

Este mércores activouse un novo aviso amarelo por fortes precipitacións na provincia de Pontevedra. Chove sobre mollado e a Xunta mantén activo o Plan Inungal para vixiar a enchente dos ríos. Nas últimas horas preocupaba especialmente o Tambre en Oroso. 

As precipitacións continuadas das últimas semanas foron achegando o nivel da auga a cotas máximas, por exemplo no encoro da Fervenza. Para evitar desbordamentos abriron as comportas. Pero iso provocou problemas nos cultivos río abaixo.

"As leiras estaban sementadas de herba para os animais, e iso estragouse todo", conta un gandeiro afectado.

Os asolagamentos afectan a amplas zonas de agras nos concellos de Dumbría, Zas e Mazaricos.
Perdas na agricultura e gandería e tamén para a xente do mar. Volven os avisos por mar combinada. A Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro en toda Galicia durante o xoves.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade