Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz retíralle o pasaporte a José Luis Ábalos e obrígao a comparecer cada 15 días

O xuíz retíralle o pasaporte a José Luis Ábalos e obrígao a comparecer cada 15 días

O exministro de Transporte declarou no Supremo por segunda vez, e desta vez compareceu formalmente como investigado despois de que o Congreso concedera o suplicatorio

Ábalos ratificou a declaración que xa fixera na anterior ocasión e negou que cobrase comisións por parte do conseguidor do caso Koldo, Víctor de Aldama

José Luis Ábalos á súa saída do Tribunal Supremo este xoves (EFE/Chema Moya)
G24.gal 20/02/2025 10:05 Última actualización 20/02/2025 16:34

O maxistrado do Tribunal Supremo (TS) que investiga o caso Koldo acordou prohibirlle ao exministro de Transportes José Luis Ábalos saír do país, á vez que lle retirou o pasaporte e fixoulle a obrigación de comparecer cada 15 días mentres permaneza investigado pola presunta adxudicación de contratos públicos ao empresario Víctor de Aldama e os seus socios a cambio de comisións.

No auto o instrutor Leopoldo Puente adopta esta decisión a pedimento da Fiscalía Anticorrupción, que reclamara ditas medidas cautelares este mesmo xoves, despois de que Ábalos declarase por segunda vez ante o alto tribunal; nesta ocasión sen a inmunidade parlamentaria que lle amparaba en decembro, cando compareceu de forma voluntaria.

Di o xuíz nese auto que "persisten os indicios da posible comisión de diferentes ilícitos penais" que "poderían colmar, cando menos" os delitos de organización criminal, tráfico de influencias e suborno, sen citar a malversación, como si que fixo en anteriores ocasións.

Puente sinala que estas medidas "resultan precisas, en atención á particular gravidade dos feitos delituosos que se lle atribúen, co fin de asegurar, na medida razoablemente posible, que o investigado non poida no porvir subtraerse á acción da xustiza e que comparecerá na causa cando for chamado".

E engade que "tamén resultan plenamente proporcionadas en tanto, só de forma lixeira e indispensable limitan o exercicio da súa liberdade ambulatoria", máxime cando, como dixo o seu letrado, "Ábalos non ten previsto nin precisa emprender viaxe algún ao estranxeiro".

Ábalos volve negar que cobrase comisións

Este xoves, nunha dilixencia que durou pouco máis de media hora, Ábalos ratificou a súa declaración anterior, na que negou recibir pagamentos de ningún tipo de De Aldama, o presunto conseguidor do caso Koldo, a cambio da adxudicación de contratos públicos para a compra de material sanitario en plena pandemia e de obra pública.

Fontes xurídicas consultadas por Europa Press indican que o maxistrado se interesou polo patrimonio de Ábalos, á espera de recibir o informe que encargou sobre isto á Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil.

O exministro asegura que non posúe o patrimonio que lle atribúen

En concreto, Puente preguntou polas noticias publicadas en prensa sobre un chalé no Perú. A este respecto, Ábalos sostivo, como xa fixera na rede social X, que efectivamente hai un terreo ao seu nome no país andino, pero apostilou que é algo circunstancial: a fundación para o desenvolvemento á que estaba destinado non podía rexistralo porque non tiña personalidade xurídica.

Esa operación inmobiliaria fíxose hai máis de 20 anos e, actualmente, sobre ese solo só se construíu un edificio con aulas desa fundación (Fiadelso), pero que non consta oficialmente porque nunca se legalizou, detallou.

Fronte ás acusacións de De Aldama

O maxistrado tamén puxo sobre a mesa os dous pisos que, segundo De Aldama, alugou para que Ábalos, o seu exasesor ministerial Koldo García e o agora ministro Ángel Víctor Torres acudisen a encontros con "señoritas" en novembro de 2018.

O exlíder socialista respondeu que non lembra estar en ningún, da mesma forma que considerou inverosímil que estivese no Barrio de Salamanca, onde se sitúa un dos inmobles mencionados.

Con todo, defendeu que unicamente posúe esa parcela no Perú, a súa casa de Valencia e un baixo situado nesa mesma propiedade. O xuíz interrogouno así mesmo por contas bancarias, ao que Ábalos contestou que só ten unha en España e ningunha fóra. Non posúe produtos financeiros, remachou.

No seu día, precisou, cobraba a súa nómina de ministro, o soldo de deputado e dous alugueiros, ademais de colaboracións en programas de televisión, aos que deixou de ir. A iso sumou que foi membro da Fundación Pablo Iglesias, por ser do PSOE.

A visita de Delcy Rodríguez

Puente interrogouno igualmente polo chalé na madrileña rúa Oquendo que De Aldama afirma que alugou para a vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez, e a súa delegación. Ábalos desmarcouse tamén deste inmoble, asegurando que nunca estivo.

De feito, contou que non tiña axendada ningunha reunión con ela e que, de producirse, se celebrou ou na sede do PSOE da rúa Ferraz de Madrid ou no Ministerio de Transportes.

O instrutor quixo saber quen foi ao aeroporto de Baraxas a madrugada do 20 de xaneiro de 2020, cando o avión da dirixente caribeña aterrou para despegar horas despois polas sancións europeas.

O exnúmero tres do PSOE confirmou que estivo no aeródromo madrileño e que subiu ao aparello, pero non revelou con quen, alegando que non o lembraba. Nun momento dado, a tripulación obrigoulles a baixar e Rodríguez quixo ir a un hotel pero dixéronlle que non, relatou.

Ábalos afirmou que non sabía que a vicepresidenta venezolana non podía pisar solo español porque había tres semanas que se reunira co seu irmán, Jorge Rodríguez, sen problema ningún.

Ademais, queixouse das filtracións á prensa, concretamente dun publicada este mesmo xoves referida á que fose a súa parella sentimental durante dous anos.

Con todo, o xuíz afeoulle que proteste polo publicado en medios de comunicación cando el lles está dando entrevistas. Neste punto, o exministro de Transportes tamén subliñou que o manifestado por De Aldama desde o 12 de decembro é mentira.

Por último, aproveitou para agradecer esta investigación xudicial, que dixo necesitar, ao que Puente reaccionou: "Di vostede que a necesita pero recórrea". Ábalos xustificouse dicindo que lle perturba que se filtre a súa intimidade. "Pero vostede concede entrevistas", rematou o instrutor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade