Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Supremo interroga a Ábalos e valora a adopción de medidas cautelares

O Supremo interroga a Ábalos e valora a adopción de medidas cautelares

Será a segunda vez que declare pero xa sen a inmunidade parlamentaria que o amparaba

Ábalos considérase o cortalumes do PSOE e advirte de que o caso Koldo vai escalar

G24.gal 19/02/2025 18:48

O exministro de Transportes José Luis Ábalos declarará este xoves como imputado no Tribunal Supremo  pola presunta adxudicación de contratos públicos ao empresario Víctor de Aldama e os seus socios a cambio de comisións.

O instrutor do caso Koldo valorará ese mesmo día a imposición de medidas cautelares.

Inicialmente, Ábalos estaba citado para o 18 de febreiro, pero o instrutor, o maxistrado Leopoldo Puente, acordou pospoñelo ao día 20 despois de que o avogado do exministro socialista así o pedira por ter outra cita anterior noutro xulgado nesa data por un asunto relativo a outro cliente.

Puente citou a Ábalos "xa co status propio de investigado na presente causa especial unha vez obtido o correspondente suplicatorio" por parte do Congreso.

As medidas cautelares poderían ir desde o ingreso en prisión provisional á retirada do pasaporte, entre outras.

O que fora número tres do PSOE prestou declaración voluntaria o pasado 12 de decembro.

Entón, negou recibir pagos de ningún tipo do presunto conseguidor do caso Koldo, De Aldama, a cambio da adxudicación de contratos públicos para a compra de material sanitario en plena pandemia e de obra pública.

Agárdase que este xoves se ratifique punto por punto na súa declaración anterior, contestando igualmente á súa defensa, Fiscalía e o xuíz.

A primeira vez rexeitou responder ao avogado do PP, que exerce a dirección das sete acusacións populares que hai na causa.

Puente tamén encargou á Unidade Central Operativa da Garda Civil un informe patrimonial de Ábalos e o seu fillo Víctor.

Quere saber "o máis axiña posible" as contas ou depósitos bancarios dos que puidesen ser titulares, cotitulares ou autorizados; os inmobles ou vehículos rexistrados ao seu nome; e a súa eventual participación en entidades mercantís como administradores, socios ou partícipes.

Así mesmo, requiriu á UCO outro informe efectuado a partir das comunicacións telefónicas e demais actuacións realizadas ata o momento dos feitos que concernen os tres investigados na causa, debendo reflectir a totalidade dos terminais ou dispositivos intervidos a calquera dos dous últimos no curso das investigacións xa practicadas.

Recurso de Ábalos

O exministro de Transportes recorreu o encargo á UCO ao entender que o Supremo pretende "unha revisión xeral" das súas actuacións, "o que a doutrina e a xurisprudencia denominan 'fishing expedition'", para indagar na súa "vida e obra" a ver se "existen outros delitos que poidan ser descubertos, partindo do convencemento da forza investigadora sobre a criminalidade do investigado".

"A investigación patrimonial acordada refírese á data obxecto de investigación deste proceso, ou quizais, á data en que Ábalos se fixo cargo do ministerio ou, esténdese a investigación ao momento que iniciou a súa carreira política", preguntou a defensa do ex secretario de Organización do PSOE.

Tamén reprochou a Puente que anunciase a vistilla para valorar a adopción de medidas cautelares cando, de acordo coa Lei de Axuizamento Criminal, esas medidas deben ser solicitadas polo fiscal ou por algunha das acusacións.

Con todo, acusou o maxistrado de ter "unha predisposición" para celebrar unha comparecencia non solicitada", apuntando a "unha perda de obxectividade e imparcialidade" por parte de Puente.

Asís, o exsecretario de Organización do PSOE comparecerá este xoves no Supremo sen que o alto tribunal resolvese o seu recurso de apelación, como parte dunha batería de dilixencias que comezaron o pasado martes, cunha proba caligráfica efectuada por Koldo, e que seguirán ata o 5 de marzo coa declaración de 17 testemuñas, incluídos o seu fillo, a súa exparella e o xefe de Gabinete da ministra de Facenda, Carlos Moreno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade