Publicador de contidos
Publicador de contidos

AGA-Ucraína necesita máis doazóns de axuda humanitaria

AGA-Ucraína necesita máis doazóns de axuda humanitaria

O venres saíra da súa nave na Coruña un camión con alimentos, roupa e produtos de aseo

G24.gal 22/10/2022 14:35 Última actualización 22/10/2022 15:19

AGA-Ucraína naceu hai oito meses na Coruña para atender as necesidades inmediatas das persoas refuxiadas que chegan a Galicia e axudar os compatriotas que queren saír do país. 
A asociación tamén envía periodicamente axuda humanitaria. Para o próximo venres hai prevista a saída dunha remesa e demandan a solidariedade dos galegos. 

Alimentos non perecedoiros, roupa térmica, produtos de aseo, material sanitario. Todo segue facendo moita falta en Ucraína. 

"As persoas alí non teñen para comer, moitos perderon o traballo e non teñen ingresos. Tamén están buscando sitios novos para vivir e gastan niso os seus aforros. Moitos perderon as súas casas", explica Natalia Afonina, presidenta da asociación.

O venres sairá un camión cargado coa axuda. Será o vixésimo terceiro desde a creación de AGA Ucraína, hai oito meses. Vinte e catro palés están completos. Quedan outros nove por encher. Os envíos son unha das patas dun proxecto humanitario moito maior. A asociación encárgase de buscar familias de acollida para os refuxiados, ofrécelles asesoramento xurídico e administrativo, facilítalles atención psicolóxica e ten en marcha un servizo de inserción laboral.  

Nas próximas semanas realizarán varias campañas de recollida de alimentos e doutros produtos. A primeira será o día 29 na praza de Lugo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade