Publicador de contidos
Publicador de contidos

Albares confirma contactos co Goberno e a oposición de Venezuela

Albares confirma contactos co Goberno e a oposición de Venezuela

O ministro de Asuntos Exteriores español asegura que este luns falou por teléfono co chanceler venezolano e cos líderes da oposición María Corina Machado e Edmundo González

O PP critica a postura do executivo español ante a crise no país caribeño e o papel do expresidente Rodríguez Zapatero como observador nas eleccións presidenciais

G24.gal 13/08/2024 15:00

O ministro de Exteriores compareceu este martes no Senado para defender que a postura do Goberno español na crise que se vive en Venezuela tras as eleccións presidenciais. "Actuamos con dilixencia, con liderado, con responsabilidade", asegurou José Manuel Albares.

Confirmou que mantén contactos tanto co Goberno de Venezuela coma coa oposición. Este mesmo luns falou por teléfono co seu homólogo, o chanceler Yván Gil, e tamén con María Corina Machado e con Edmundo González.

Ademais, a petición de España, os ministros de Exteriores europeos analizarán a finais de mes a crise en Venezuela e a nosa embaixada vai asumir os intereses da República Dominicana tras ser expulsado o seu corpo diplomático.

José Manuel Albares volveu pedir no Senado que se publiquen as actas cos resultados electorais e que se respecten os dereitos humanos no país caribeño.

Pero as súas explicacións na cámara alta non convenceron o PP, que segue criticando a postura do Goberno neste asunto. "Que temen? Que lle debe Pedro Sánchez a Maduro? Porque tanta condescendencia cun ditador? Manteñen perfil baixo para non ofender, para protexer a Nicolás Maduro? Por que non alzan a voz dunha vez e condenan a ditadura pola fraude electoral?", preguntoulle a voceira do PP, Alicia García.

Na súa resposta, o titular de Exteriores recomendoulle falar co líder do seu partido, con Alberto Núñez Feijóo. "Non vou desvelar contactos con el pero aconséllolle que fale, porque el si sabe o que estamos facendo", díxolle Albares.

Protagonismo tamén na Comisión para o expresidente José Luis Rodríguez Zapatero, que acudiu como observador ás eleccións venezolanas. Para o Partido Popular, el é quen exerce de "ministro de Exteriores do sanchismo" e acusouno de poñerse "de parte dos torturadores".

O ministro Albares saíu na súa defensa asegurando que Rodríguez Zapatero "fai un labor en Venezuela que o Goberno valora e aprecia, e tamén a oposición, cónstame".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade