Albares confirma a desaparición da reixa e do uso do aeroporto de Xibraltar
Albares confirma a desaparición da reixa e do uso do aeroporto de Xibraltar
O acordo aínda non está pechado, pero houbo un importante achegamento de posicións
Albares agarda que remate a desconfianza entre a UE e o Reino Unido pola nova situación de Xibraltar tras o brexit
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, informou este luns aos alcaldes do Campo de Xibraltar e á Xunta de Andalucía sobre a eliminación do enreixado polo que haberá libre circulación de persoas e mercadorías.
En conferencia de prensa tras o encontro, o ministro sinalou que o acordo político sobre Xibraltar permitirá que haxa voos desde España ou o resto de Europa ao aeroporto, como ocorreu entre 2006 e 2011, e destacou que este uso compartido axudará a "dinamizar" o desenvolvemento do Campo de Xibraltar.
Explicouno este luns nunha xuntanza coas autoridades do Campo de Xibraltar. O acordo aínda non está pechado, pero di Albares que houbo un importante achegamento de posicións nas últimas semanas. Agarda que as negociacións acaden resultados e remate a desconfianza mutua entre a Unión Europea e o Reino Unido pola nova situación de Xibraltar tras o brexit.
Na xuntanza tamén se trataron outros asuntos de interese como a libre circulación de persoas e mercadorías e os dereitos dos traballadores do Campo, todo iso cunha posición de soberanía de España que queda "intacta" e "salvagardada", sinalou Albares.
Insistiu en que acordo o primeiro efecto que vai ter é garantir os dereitos dos traballadores actuais e futuros e facer que as súas vidas sexan máis fáciles. O terceiro encontro do ministro de Exteriores con alcaldes do Campo de Xibraltar prodúcese despois de que o pasado 12 de abril España, o Reino Unido e a Unión Europea lograran "avances significativos" sobre a relación con Xibraltar tras o brexit, pero non pecharan o acordo político.
Albares agradeceu o "espírito de lealdade institucional" por parte dos asistentes e destacou a transparencia á hora de trasladarlles a información. En canto á base militar e o control do tránsito dos militares da Royal Navy, confirmou que o acordo permitirá a súa libre mobilidade.
A Xunta de Andalucía reclamou participar na negociación co Reino Unido, pero recibiu un non por resposta e manifestou que "quere un acordo, pero non calquera acordo".