A ministra di que o CSD "estudará os pasos para dar" contra a elección de Louzán
A ministra di que o CSD "estudará os pasos para dar" contra a elección de Louzán
Tanto o regulamento electoral da RFEF como a orde ministerial que regula as eleccións federativas consideran inelegibles a quen estea inhabilitado por resolución firme
A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, sobre a elección de Rafael Louzán onte como presidente da RFEF, asegurou que o Consello Superior de Deportes (CSD) "vai estudar todos os pasos que poida dar contra a elección de Louzán", xa que "é difícil explicar e entender que unha persoa condenada por prevaricación asuma a presidencia da Federación Española de Fútbol".
"Teño que ser absolutamente prudente porque hai por diante dous días nos que as persoas que participaron neste proceso electoral poden aínda presentar posibles recursos. A partir de aí, cando pasen estes dous días, o CSD vai estudar todos os pasos que podemos dar", dixo Pilar Alegría ao termo da reunión do Consello de Ministros.
Alegría lembrou que 90 persoas da Asemblea Xeral da RFEF deron o apoio ao dirixente galego, que ten recorrida no Tribunal Supremo unha condena de sete anos de inhabilitación por prevaricación durante a súa etapa como presidente da Deputación de Pontevedra, fronte aos 43 apoios que logrou o valenciano Salvador Gomar nas eleccións celebradas onte.
Tanto o regulamento electoral da RFEF como a orde ministerial que regula as eleccións federativas consideran inelixibles a quen estea inhabilitados por resolución firme.
O Tribunal Supremo estudará a principios de febreiro o recurso de Louzán contra a súa inhabilitación.
"É moi difícil explicar e entender que unha persoa que está condenada por prevaricación asuma a presidencia da Federación de Fútbol neste país. Sobre todo porque na mesma situación procesual do señor Louzán eu non podería estar sentada nesta mesa, nin ningún dos compañeiros que está ao meu lado, nin podería estar aquí sentada nin podería ser concelleira do meu pobo", engadiu.