Alertan de que as novas xeracións vivirán menos e con peor saúde pola perda da dieta tradicional
Alertan de que as novas xeracións vivirán menos e con peor saúde pola perda da dieta tradicional
A dieta atlántica asóciase a unha maior lonxevidade e mellor calidade de vida
Verduras, legumes, peixes ou moluscos; e mellor cocidos, ao forno ou guisados que fritidos. Son a base da dieta atlántica, que ten nesta esquina do mundo o seu máximo expoñente. Asóciase cunha menor prevalencia de patoloxías cardiovasculares, dexenerativas ou mesmo de certos tipos de cancro.
"O noso xeito de vida ten efectos beneficiosos para a saúde" afirma a presidenta da Fundación Española da Nutrición, a galega Rosaura Leis. Para ela, unha boa proba diso é "a alta lonxevidade" e "a calidade de vida que teñen os nosos maiores".
Pero alerta: as novas xeracións teñen outras compoñentes na dieta. A consecuencia, que o 36 % dos menores teñen hoxe exceso de peso, e a metade deles, obesidade.
"Se non recuperamos o noso estilo de vida tradicional, estamos poñendo en risco a saúde dos nosos nenos, sobre todo para cando sexan adultos" afirma Leis. E iso pode derivar -di- en que "por primeira vez", en vez de que a esperanza de vida mellore, as xeracións futuras "vaian vivir menos e con peor calidade de vida que os seus avós".
Así que deben comer máis peixe, máis cereais integrais, vexetais, froitas e aceite de oliva. E tamén máis lácteos, porque o seu consumo descendeu. "Hai que recordar a importancia do consumo de tres lácteos ao día. Sempre falamos do vaso de leite, os dous iogures ou a porción de queixo", di a xerente da Interprofesional Láctea, Nuria Rivas.
Urxen a poñer mans á obra para sumar os máis novos á dieta tradicional atlántica, e protexelos cos beneficios que ten na saúde.