Éxito entre os consumidores das apps contra o desperdicio alimentario
Éxito entre os consumidores das apps contra o desperdicio alimentario
Os consumidores adquiren paquetes sorpresa de alimentos perecedoiros por moito menos prezo
Evitar que a comida remate no lixo é o fin último da aplicación Too Good To Go, algo que poderíamos traducir como: demasiado bo para levar.
Só en Vigo hai un cento de negocios adscritos que poñen á venda os seus excedentes á quinta parte do que valen, por exemplo, no caso do peixe.
Atopamos dous exemplos no mercado vigués do Calvario. Na peixería Sabor a Mar por cinco euros compramos unha bandexa de xoubas, dous rapantes grandes, un xurelo, dous panchos e unha faneca. O custo real sería de 20 euros. Clotilde Gil di que o fai por axudar, por retirar excedentes e por darse a coñecer entre outro público.
Sen saír do mercado, na froitería Maruja por tres con vinte levamos dous tomates, un pequeno ollo de leituga, un brócoli e unha pera, entre outros. O seu valor de mercado sería de preto de dez euros. Só fan un paquete sorpresa ao día e para conseguilo hai que adquirilo o día anterior a través da app.
Tamén son moi bos os paquetes que fan na panadería La Seyolca de Doutor Carracido. Aquí o mércores ofreceron varias barras de pan, varios croissants e empanadillas por catro euros, o prezo que terían os croissants.
Segundo os responsables da aplicación, en Vigo fixéronse xa douscentos vinte e cinco mil paquetes, polo que se evitou que 225 toneladas de alimentos rematasen no lixo.