Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda "respecta" os que se mobilizan en contra de Altri, pero di que "os técnicos teñen a palabra"

Rueda "respecta" os que se mobilizan en contra de Altri, pero di que "os técnicos teñen a palabra"

Pontón di que o proxecto de Altri pon en risco 8.000 empregos e pídelle ao presidente que "abandone a soberbia e rectifique": "A cidadanía deste país non lle vai perdoar que poña Altri por riba das súas vidas"

Armando Ojea, de DO, denuncia a "discriminación" que sofre a provincia nos orzamentos da Xunta de 2025 e Rueda di que gastarán 1.000 euros máis por habitante que no resto de Galicia  

O presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, durante a última sesión de control ao Goberno do ano celebrada no Parlamento de Galicia (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 18/12/2024 08:31

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a líder da oposición, Ana Pontón, intensificaron as súas discrepancias sobre o proxecto da multinacional lusa Altri de instalar unha fábrica en Palas de Rei (Lugo) na última sesión de control ao Goberno do ano.

A voceira nacional do BNG asegurou que o proxecto de Altri en Palas de Rei "é unha bomba ambiental" que pon en risco "miles de empregos" nas comarcas da Ulloa e da Arousa.

Pontón esíxelle a Rueda que "abandone a súa soberbia", que "rectifique" e que escoite os "milleiros de persoas" que o pasado domingo dixeron "Altri non, Galicia si" na multitudinaria manifestación celebrada en Santiago de Compostela.

Segundo a portavoz nacionalista, "a cidadanía non lle vai perdoar a súa deslealdade a Galicia, que poña Altri por riba das súas vidas".

Rueda: "Os técnicos teñen a palabra"

Rueda reafirmouse na súa postura, pediu "respecto ao traballo dos técnicos" e insistiu en que son eles os que "teñen a palabra".

O presidente galego lembroulle ao Bloque que no 2022 apoiou a petición do Parlamento galego en favor da instalación de Altri en Palas de Rei e asegurou que a credibilidade de Pontón "é do tamaño dun granulado".

Sobre a mobilización do domingo en Compostela en contra da instalación de Altri en Palas de Rei, Rueda asegurou: "Respecto a xente que foi á manifestación, pero pídolle respecto a todos os demais. Á xente que quere un futuro para Galicia".

Democracia Ourensana denuncia a "discriminación" que sofre a provincia nos orzamentos de 2025 

Esta última sesión de control ao Goberno do ano foi tamén a da estrea do único deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea, de Democracia Ourensana.

Na súa pregunta ao presidente, denunciou a "discriminación" que sofre a provincia de Ourense nos orzamentos para 2025 aprobados onte polo Parlamento galego. Segundo Ojea, os presupostos deseñados pola Xunta "perpetúan unha fenda territorial que prexudica a Galicia interior" en comparación coas provincias da Coruña e Pontevedra.

Rueda négao e afirma que o Goberno galego investirá o ano que vén na provincia 5.742 euros por habitante, o que supón "mil euros máis que a media de Galicia".

O presidente galego aproveitou para criticar o Goberno central por non ter orzamentos, e rexeitou as reclamacións do deputado de DO, que comparou co "financiamento singular" para Cataluña.

Pola súa banda, o PSdeG reiterou no pleno a súa crítica por non poder facer pregunta ao presidente da Xunta neste pleno, ao ser a quenda do Grupo Mixto.

A viceportavoz socialista, Lara Méndez, utilizou unha iniciativa posterior para dirixirse directamente a Rueda e pedirlle explicacións sobre a falta de persoal de apoio no colexio Bergantiños de Carballo (A Coruña). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade