Alxeria cesa o ministro de Finanzas tras conxelar o comercio exterior con España
Alxeria cesa o ministro de Finanzas tras conxelar o comercio exterior con España
A crise diplomática segue con duras acusacións de Alxeria contra o Ministro de Exteriores español José Manuel Albares
As acusacións do Goberno alxeriano ao ministro español de Exteriores foron a través dun artigo de opinión na Axencia Estatal de Prensa. Acusan a Albares de "pirómano" e "pseudodiplomático" por dar a entender que Rusia estaría detrás dos últimos pasos de Alxer. Din que o argumento é para tentar mobilizar a Unión Europea, acusan a Albares de manipular a Borrell e de poñer en ridículo todo o Goberno.
No Ministerio de Exteriores din que non farán comentarios sobre estas acusacións. O Goberno apela á prudencia e non aclara se comparten a tese de que a relación de Alxeria con Rusia está detrás desta crise.
Explican que a Oficina Comercial Española en Alxeria está en contacto coas empresas para verificar que hai normalidade nas transaccións comerciais. A Asociación da Banca anunciara a conxelación das operacións, pero despois Alxeria deu a entender que non decretara esa medida. E onte mesmo o presidente cesaba o ministro de Finanzas, só unha semana despois da suspensión do tratado de amizade con España.