Amnistía Internacional conclúe de forma “inequívoca” que Israel “comete un xenocidio” en Gaza
Amnistía Internacional conclúe de forma “inequívoca” que Israel “comete un xenocidio” en Gaza
A ONG desenvolveu un proceso de “análise legal” e de “investigación minuciosa” para cualificar “os múltiples crimes que cometeu e segue cometendo o exército israelí baixo as ordes do Estado”
O informe determina: "Israel cometeu, con total intención, a matanza de persoas dun grupo protexido, causoulles serias lesións físicas e mentais e someteunos intencionalmente a condicións de existencia que carrexan a súa destrución total ou parcial”
Israel “cometeu e segue cometendo un xenocidio” en Gaza, segundo a conclusión “inequívoca” de Amnistía Internacional, que determinou a “intención específica de destruír fisicamente” os palestinos da Franxa de Gaza, analizando o patrón xeral de conduta, as declaracións “deshumanizadoras”, a ocupación militar e o “bloqueo inhumano” do territorio.
Amnistía publica este xoves un informe titulado É coma se fósemos seres infrahumanos: o xenocidio de Israel contra a poboación palestina de Gaza, que asegura ter “elementos suficientes para concluír que Israel cometeu e continúa cometendo xenocidio”, un crime difícil de demostrar legalmente porque require probar a “intencionalidade” de cometer unha limpeza étnica parcial ou total dunha poboación.
A avogada de dereitos humanos Érika Guevara Rosas explicou a EFE: "Amnistía estivo documentando os actos cometidos polas autoridades israelís en resposta aos ataques de Hamas do 7 de outubro de 2023, ata xullo, e levou a cabo un proceso de análise legal e investigación minuciosa sobre como cualificar os múltiples crimes que cometeu e segue cometendo o exército israelí baixo as ordes do Estado no seu conxunto”.
A investigación ten como marco de referencia “a responsabilidade estatal”, non sinala posibles responsables e espérase que contribúa á análise da Corte Internacional de Xustiza (CIX) no procedemento iniciado por Suráfrica contra Israel.
Pero tamén inclúe recomendacións para que a fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) considere o crime de xenocidio dentro das súas investigacións sobre Palestina, que conduciron á emisión dunha orde de arresto contra o primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu.
Os actos xenocidas
A organización entrevistou vítimas, testemuñas, autoridades locais e persoal sanitario e analizou unha variedade de datos visuais e dixitais, declaracións de altos cargos israelís e compartiu as súas conclusións con Israel, “sen ningunha resposta substantiva”.
“Determinamos que Israel cometeu, con total intención, tres actos prohibidos pola Convención Contra o Xenocidio: a matanza de persoas dun grupo protexido —palestinos de Gaza—, aos que lles causou serias lesións físicas e mentais e someteu intencionadamente a condicións de existencia que carrexan a súa destrución total ou parcial”, explicou Guevara Rosas.
A secretaria xeral de Amnistía Agnès Callamard advertiu de que Israel tratou a poboación palestina de Gaza como “un grupo infrahumano que non merece dereitos humanos nin dignidade” e subliñou que o informe conclúe “de forma inequívoca” a intencionalidade xenocida de Israel.
“Israel sostivo reiteradamente que as súas accións en Gaza son lexítimas e están xustificadas polo seu obxectivo militar de erradicar a Hamas, pero a intención xenocida pode coexistir cos fins militares e non ten por que ser a única intención de Israel”, engadiu Callamard. Israel, di, é “consciente do dano irreparable que estaba a causar” aos palestinos de Gaza.
Ademais, impúxolles unhas condicións de existencia que xeraron “unha mestura mortal de desnutrición, fame e enfermidades” e deixaron a poboación palestina exposta a “sufrir unha morte lenta e calculada”, subliña Amnistía, que sinala que tamén se someteu a “centenares de gazatís a detención en réxime de incomunicación, tortura e outros malos tratos”.
A intencionalidade
Analizados de forma illada, estes actos serían “violacións graves do dereito internacional”.
Agora ben, ao poñelos en contexto, examinar o patrón xeral de conduta de Israel, as declaracións “deshumanizadoras e xenocidas” das súas autoridades, a ocupación ilegal, o “bloqueo inhumano” e os efectos acumulados de políticas e actos nun sistema de apartheid, a “única conclusión razoable que cabe extraer é que hai unha intención xenocida”, denuncia a organización.
Amnistía analizou máis de 100 declaracións de diferentes cargos israelís, incluídos ministros como o extitular de Defensa Yoav Gallant, tamén en busca e captura pola CPI, que anunciou o “asedio total” de Gaza referíndose aos palestinos en Gaza como “animais”.
A organización identifica “como estas declaracións” tiveron “repercusións en fervenza entre os soldados despregados en Gaza”, que mesmo gravaron vídeos para redes sociais repetindo esta retórica. “Iso é parte do corpo de evidencia que demostra que houbo unha retórica xenocida que influíu nas accións do exército israelí”, detallou Guevara Rosas.
“Os ataques indiscriminados das forzas israelís foron intencionadamente dirixidos a matar civís e destruír compoñentes civís”, como campos agrícolas, hospitais, escolas, residencias e edificios residenciais, subliña a avogada.
“A intención de Israel é a destrución física da poboación palestina de Gaza, xa sexa paralelamente á consecución do obxectivo militar de eliminar a Hamas ou como medio para logralo”, concluíu Callamard, esixindo “parar xa” este “xenocidio”.