Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Comesaña: "O Sergas avalía os riscos psicosociais dos seus traballadores desde hai 25 anos"

Ana Comesaña: "O Sergas avalía os riscos psicosociais dos seus traballadores desde hai 25 anos"

A responsable de Recursos Humanos do Sergas Ana Comesaña asegura  que a sentenza do TSXG que estima parte da demanda do sindicato O'mega se refire a un período puntual da pandemia 

Nunha entrevista na Radio Galega, Comesaña destacou que o Sergas puxo en marcha desde hai dous meses unha nova enquisa para a avaliación de riscos laborais de orixe psicosocial 

G24.gal 15/12/2022 11:46

A consellería de Sanidade estuda recorrer contra a sentenza do Tibunal Superior de Xustiza de Galicia que insta á consellería de Sanidade e ao Sergas a avaliaren axeitadamente os riscos psicosociais dos seus traballadores, especialmente os médicos de familia e os pediatras, en relación coa carga de traballo que soportan.

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas Ana Comesaña considera que é importante que non se puidese acreditar ningún dano e lembra que o sindicato O'mega pedía unha indemnización por danos que non se concedeu. 

Comesaña relaciona a demanda de O'mega co feito de que este sindicato non ten representación na Mesa Sectorial, onde asegura que o Sergas chegou a varios acordos cos representantes dos traballadores sobre riscos psicosociais, como o Plan de Continxencia contra a COVID-19 ou o Plan de Apoio Emocional de Riscos Psicosociais seguindo as guías do ministerio de Sanidade e o Instituto Nacional da Seguridade Social.  

"Non se pode confundir unha actuación concreta de enquisas no momento da pandemia coa protección dos traballadores en xeral".

En relación coa carga de traballo dos médicos de Atención Primaria e de Pediatría, asegura que, aínda que existe un problema de déficit de médicos e de que aumentou o absentismo durante a pandemia polo persoal contaxiado, as axendas da maioría dos médicos de familia están dentro dos límites recomendados.  

"A consellería de Sanidade puido acreditar na demanda que case o 95,5 % das axendas dos médicos de familia están por debaixo das 40 citas por xornada ordinaria".

Na sentenza, os maxistrados non entran a determinar cal é a carga de traballo que lle correspondería a cada médico, tal e como pedía o sindicato demandante, porque consideran que debe ser definida polo Sergas e os representantes dos traballadores. 

Ana Comesaña engadiu que neste momento a consellería de Sanidade ten en marcha unha nova enquisa de avaliación de riscos laborais de orixe psicosocial que está acadando un alto grao de participación. A principios deste mes xa cubriran a enquisa máis de 21.000 traballadores, 1.000 deles médicos de atención primaria.  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade