O conselleiro de Sanidade asegura que as remudas nas xerencias galegas non son unha crítica, senón por "aire novo"
O conselleiro de Sanidade asegura que as remudas nas xerencias galegas non son unha crítica, senón por "aire novo"
O conselleiro de Sanidade asegura que as remudas nas xerencias galegas non son unha crítica, senón por "aire novo"
Antonio Gómez Caamaño asegura que o plan de recursos humanos ten que estar feito este ano
Anuncia tamén un plan para eliminar a burocracia dos médicos de Atención Primaria
O novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixa na Radio Galega as prioridades que se fixa para o seu cargo. No Galicia por diante fin de semana, Gómez Caamaño anuncia que este ano aprobarán un plan de recursos humanos que responda ás necesidades actuais e futuras do sistema. Tamén avanza outro para eliminar a burocracia na Atención Primaria. Na conversa marcou catro obxectivos, entre eles "coidar os pacientes e coidar os profesionais", poñer en marcha un plan de recursos humanos que "este ano ten que estar feito" e "eliminar toda a burocracia" na Atención Primaria.
"Primeiro coidar os pacientes e coidar os profesionais. En segundo lugar, considero que o Plan de Recursos Humanos é unha necesidade prioritaria. Sen ese plan non podemos traballar, non podemos planificar. En terceiro lugar, loita a morte fronte a burocracia. Temos que empezar a mellorar as condicións de traballo da Atención Primaria. E en cuarto lugar, recuperar a ilusión".
Respecto a unha eventual reforma da Atención Primaria, Gómez Caamaño dixo que "temos que redimensionar, pero o primeiro é eliminar a burocracia, recuperar a ilusión. Pero probablemente hai que redimensionar o sistema, non só de Atención Primaria, ao mellor tamén a asistencia a nivel dos hospitais. Primeiro facer unha análise da situación, detectar ineficiencias e simplemente corrixilas".
Cambios nas áreas sanitarias
O conselleiro de Sanidade tamén falou dos cambios nas xerencias das áreas sanitarias Santiago-Barbanza, Ourense-O Barco-Verín e Ferrol acometidos esta fin de semana. Segundo explicou, "eses cambios non responden a unha crítica á súa xestión, simplemente que tempos novos para avanzar fai falta aire novo" e a continuación expresou o seu "máximo agradecemento" aos xerentes cesados e aos que aceptaron o novo cargo.
Disposición e diálogo
Gómez Caamaño, que dixo ter detectado, nada máis chegar ao cargo e tras falar "con moitas persoas", "certa desconexión entre o mundo da xestión e o mundo da asistencia". Unha desconexión "bidireccional" polo que entende necesario "unir eses dous mundos". Nesa tarefa ofrece "máxima disposición ao diálogo" tanto aos sindicatos coma á oposición porque di que vén "defender unha sanidade pública de calidade".