Arde un turismo na ponte de Rande sen feridos
Arde un turismo na ponte de Rande sen feridos
O suceso provocou retencións de tráfico importantes na autoestrada en sentido Vigo e na autovía do Morrazo
O lume está xa apagado e non hai danos persoais
O incendio dun vehículo no carril exterior da ponte de Rande, na autoestrada AP-9, a primeira hora deste xoves, sorprendeu os condutores esta mañá. Moitas testemuñas alertaron do suceso, xa que as lapas eran visibles desde moitos puntos.
O coche sinistrado atopábase no punto quilométrico 148 da AP-9, no termo municipal de Moaña, en concreto, no carril exterior da ponte, que a Garda Civil pechou ao tráfico. A circulación foi derivada polos dous carrís interiores do viaduto.
Houbo retencións da circulación importantes na autoestrada en sentido Vigo e tamén na autovía do Morrazo, dado que o intre en que se declarou o suceso cadrou cunha hora punta de tráfico na zona.
Segundo fontes da Garda Civil, que se mobilizou para atender o suceso, os Bombeiros do Morrazo puideron apagar as lapas axiña. A mesma fonte avanzou que o lume comezou de xeito repentino e que os ocupantes do vehículo puideron abandonalo polo seu propio pé. Por sorte, non se rexistraron danos persoais.