Publicador de contidos
Publicador de contidos

As baixas non poden coa confianza de Idiakez para xogar contra o Castellón (mércores, 21:00, G2)

As baixas non poden coa confianza de Idiakez para xogar contra o Castellón (mércores, 21:00, G2)

O técnico vasco confía nun partido "tolo" e non fala do ano que vén

G24.gal 28/05/2024 13:36

Imanol Idiakez, xa sen o pelo tinguido, compareceu en conferencia de prensa para analizar a situación do Deportivo previa ao encontro de mañá ás 21:00 no Estadio de Riazor. O adestrador destacou a boa xeira dos seus e a súa gran segunda volta para depositar a máxima confianza nos xogadores, malia contar con múltiples baixas por problemas físicos. 

Idiakez afirmou que as catro lesións sucedidas no último partido de liga foran algo pouco común, destacando a rareza dos problemas de Jose Ángel, que para o propio médico do club era algo "nunca visto". Con estas baixas o número total de xogadores non dispoñibles para o día de mañá ascende a oito: Jose Ángel, Alcaina, Hugo Rama, Barbero, Yeremay, Balenziaga, Germán e Ximo Navarro. Ademais, hai que sumar a situación de Berto, que non está ao cen por cento pero, como declarou o técnico, intentarán facer todo o posible para que xogue. 

En canto á preparación do partido afirmou non ter planificado aínda o que van facer pola falta de tempo. Despois da rolda de prensa reuniríase o corpo técnico para aclarar as súas dúbidas. Ademais, tampouco foi quen de responder á resposta de quen levará as luvas, e que deberían decidir quen iniciará mañá na portería deportivista. 

Á hora de definir ao rival afirmou atoparse ante un partido moi bonito, contra un rival que practica un fútbol que pode ser definido como "tolo". O adestrador destacou varias das súas variantes tácticas para eloxiar o seu traballo e o seu xogo.

Idiakez non quixo adiantar información sobre a vindeira tempada na segunda división. Confirmou a volta de Mario Soriano pero declarou que aínda non sentaran a planificar a campaña do ano que vén. Ao seu ver, a segunda división é unha categoría "de equipos" e garda bastantes semellanzas coa primeira RFEF que acaban de abandonar. 

En último lugar, o técnico vasco reafirmou a grande ilusión que lle xera adestrar o R. C. Deportivo. Destacou a tempada e os últimos acontecementos vividos para declarase "terriblemente ilusionado" de ser o adestrador do equipo coruñés. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade