Publicador de contidos
Publicador de contidos

As empresas auxiliares de automoción poden solicitar as axudas da Xunta a partir deste luns

As empresas auxiliares de automoción poden solicitar as axudas da Xunta a partir deste luns

Nunha entrevista na Radio Galega, a conselleira de Industria asegurou: "Somos pioneiros en España apoiando con axudas a industria de automoción de compoñentes"

Este paquete de subvencións do Goberno galego alcanza os 18 millóns de euros

G24.gal 07/07/2024 13:53

A partir deste luns as empresas auxiliares de automoción poden solicitar as axudas que a Xunta pon en marcha para que poidan adaptarse aos cambios que esta industria está a experimentar e avanzar cara á mobilidade sostible.

As subvencións serán dun máximo de 300.000 euros para, por exemplo, mercar maquinaria ou reformar instalacións e ata os 700.000 euros para o desenvolvemento de proxectos de eficiencia enerxética e renovables.

Estas axudas están destinadas a apoiar as empresas auxiliares de automoción en Galicia, aquelas que fabrican compoñentes de vehículos. 

O obxectivo é contribuír a que esas empresas sexan máis competitivas e poidan adaptarse ao proceso de transición que vive esta industria cara á mobilidade sostible e a fabricación do coche eléctrico.

"Podemos dicir que somos pioneiros en España apoiando deste xeito a industria de automoción de compoñentes, a toda a cadea de valor, pero nós estimamos que aproximadamente a metade das empresas que agora mesmo forman parte desa cadea de valor en Galicia poderiamos chegar a apoialas", di María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria.

Este paquete de axudas da Xunta alcanza os 18 millóns de euros. A partir deste luns xa se poden presentar as solicitudes. Hai de prazo ata finais de outubro. 

"Ten dúas liñas básicas: unha é facilitar subvencionando os investimentos en activos fixos ou en calquera custo de análise para a transición á mobilidade sostible, e unha segunda liña son apoios a proxectos de enerxías renovables e proxectos de eficiencia enerxética. Apoios de 300.000 a 700.000 euros para estas empresas", engadiu.

A conselleira de Economía e Industria destacou que estas axudas veñen a compensar que os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) non cobren estas empresas e só se centran nos grandes grupos de automoción. Tamén puxo en valor a dimensión que podería acadar esta industria, con máis apoios, se se empregasen os Fondos Europeos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade