As estacións de tren tentan volver á normalidade despois da xornada de cancelacións
O AVE entre Galicia e Madrid segue suprimido este xoves pola mañá, ata novo aviso, e tamén as conexións do Eixo Atlántico entre as cidades galegas
Moitas estacións de tren convertéronse esta noite en campamentos improvisados. A Unidade Militar de Emerxencias repartiu mantas e comida, polo menos nalgunhas estacións de Madrid e de Zaragoza. E tamén houbo persoas que durmiron en pavillóns próximos ás estacións, ante a imposibilidade de conseguir hoteis.
Máis de 30.000 persoas xa quedaban atrapadas cando se producía o apagamento, en medio da nada. E en moitos casos tiveron que desprazarse a axudalas os servizos de seguridade. Moitas delas foron trasladadas posteriormente en autobuses aos seus destinos. Foron horas atrapados nos trens.
O ministro de Transportes foi informando da situación nas redes sociais durante a madrugada. E sobre as seis da mañá deste martes anunciaba que hoxe haberá servizos de alta velocidade e proximidade con algunhas excepcións. Por exemplo, a conexión entre Galicia e Madrid non pode recuperarse de momento por falta de tensión a partir de Seabra. Rodalies segue suspendido e Cercanías Madrid funciona ao 50 %.
A maiores dos problemas co tren, o colapso de mobilidade foi completo en moitas cidades, como Madrid ou Barcelona, sen metro e con longas ringleiras nas paradas dos autobuses. Hoxe será xornada de reclamacións, de busca de información e cambio de billetes. Metro Madrid recomenda hoxe usar o transporte público en superficie E a DXT insiste en evitar a estrada cando non sexa estritamente necesaria.