Publicador de contidos

Publicador de contidos

O 97 % dos galegos recuperan a subministración eléctrica

O 97 % dos galegos recuperan a subministración eléctrica

O presidente da Xunta pídelle ao Goberno desactivar a emerxencia xeral e volver coordinar a incidencia desde Galicia

Rueda ordena a apertura dos centros escolares e escolas infantís para facilitar a conciliación, aínda que a actividade lectiva quedou suspendida

Touro e parte de Arzúa son os dous únicos puntos de Galicia que seguen sen electricidade

directo EFE/Xoán Rey
G24.gal 29/04/2025 08:36

A Xunta de Galicia solicitaralle ao Goberno retirar a situación de emerxencia xeral de nivel 3, ao ir "recuperando a normalidade" cun 97% da subministración eléctrica restituída.

Nunha comparecencia desde a sede do 112 na Estrada, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ás once desta mañá está prevista unha reunión co Ministerio do Interior na que pedirá recuperar o nivel 2, o que supón volver coordinar os servizos de emerxencia desde a autonomía.

Centros educativos abertos, pero sen actividade lectiva nin transporte

A Xunta enviou unha comunicación aos equipos directivos dos centros da comunidade apuntando que, seguindo instrucións recibidas polo Goberno central no nivel 3 de emerxencia, estes deberán permanecer abertos.

O obxectivo é que o alumnado que necesite acudir por motivos de conciliación das familias poida facelo, pero manterase a suspensión da actividade lectiva e do transporte escolar.

Na súa intervención deste martes tras a reunión do comité de coordinación, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xustificou a suspensión decretada onte á tarde "ante a incerteza" e "baseándose na necesidade que había naquel momento de racionalizar o combustible".

"Galicia é a comunidade coa rede máis extensa de transporte escolar e nese momento tomouse esa determinación. Con todo, todos os centros escolares de Galicia e as escolas infantís abriranse (este martes): non para actividade lectiva, pero si para que quen teña que deixar aos seus fillos por necesidades de conciliación saiban que teñen esa posibilidade", resolveu.

Rueda agradeceu "o traballo e a excelente coordinación" co Goberno central durante estas horas, desde que onte sobre as oito da tarde solicitouse a emerxencia xeral ante o apagamento eléctrico, e agradeceu tamén ao pobo galego o seu "civismo" e "calma" ante esta situación tan complicada. 

Tamén o delegado do Goberno en Galicia destacou a "coordinación plena" mantida entre as administracións central e autonómica na coordinación desta emerxencia. A primeira hora da mañá salientaba que a normalidade xa regresara á maioría das poboacións en Galicia.

Pedro Blanco salientou que a prioridade foi fornecer combustible para alimentar os xeradores dos hospitais e residencias, e avanzou que ao longo do día de hoxe analizarán as consecuencias do apagamento nos distintos sectores produtivos.

Touro e parte de Arzúa seguen sen luz 

Transcorridas 24 horas do apagamento, dos 313 concellos galegos só dous seguen sen subministración eléctrica.

Este mediodía volveu a luz a Toques, Melide e  Santiso, na provincia da Coruña; e A Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río, en Ourense. 

Tan só permanece sen subministración o municipio de Touro e parte do concello de Arzúa.

As provincias de Lugo e Pontevedra recuperaron a subministración eléctrica por completo. Dos núcleos urbanos, os últimos en recuperar a subministración foron os de Santiago, Ferrol e Vigo.

Vigo recupera a normalidade, aínda que con limitacións para bañarse nas praias

A subministración eléctrica regresou a Vigo contra as dúas da madrugada.  O servizo volveu operar polas zonas de Cabral e San Paio, e estendéndose despois ao centro da cidade, Navia e Coruxo.

O transporte público, tanto autobuses como taxis, funciona con normalidade, o túnel de Beiramar foi reaberto ás sete da mañá e tamén está totalmente operativo o aeroporto. Unicamente quedan por reactivar tres ramplas mecánicas, segundo explicou o alcalde.

Abel Caballero advertiu que haberá limitacións para o baño no mar "ata novo aviso" por verteduras ao non funcionar temporalmente a estación depuradora.

Centros cívicos e comedor social aberto na Coruña

A Coruña recupera progresivamente a normalidade tras o apagamento deste luns. Os bombeiros tiveron que realizar medio cento de asistencias técnicas e rescataron 90 persoas que quedaran encerradas en ascensores.

Os semáforos funcionan xa con normalidade e tamén os centros cívicos. Mantense aberto tamén o comedor social do centro Novoboandanza e o centro de atención continuada de Labañou.

Desde o consistorio pídese non tirar o lixo por limitacións na recollida e moderar o consumo de auga, xa que hai afectación na subministración en barrios como Monte Alto e O Castrillón por problemas cos bombeos.

Catres na estación de Ourense para os que quedaron sen tren ou autobus 

A cidade de Ourense recuperou totalmente a subministración eléctrica ao redor das 6.30 horas da madrugada do martes. Na estación de trens habilitáronse ao redor dunha ducia de catres e Cruz Vermella repartiu comida a aqueles que quedaron sen conexión ferroviaria ou cuxos buses saían de madrugada da terminal.

Non hai constancia de que se rexistraran incidencias.

Lugo recupera por completo a subministración 

A totalidade da provincia de Lugo recuperou xa a normalidade na subministración eléctrica, segundo informa Subdelegación de Goberno, despois da incorporación de Monterroso e Antas de Ulla, que volveron estar conectados á rede, tanto de electricidade como de telefonía, sobre as 9.30 da mañá deste martes.

A luz volveu á cidade de Lugo, de forma progresiva, desde as 18.00 horas da tarde de onte, sendo con Ourense, das primeiras cidades galegas en recuperar o servizo.  A conexión telefónica sen wifi deuse por regularizada esta mañá.

A luz volveu a Santiago ás 06.00 da madrugada

Santiago de Compostela recuperou o 100% da subministración eléctrica ao redor das 6 horas, polo que a capital galega permaneceu case 18 horas sen electricidade tralo apagametno deste luns.

O municipio espertou nunha paulatina volta á normalidade, con pasaxeiros durmindo na estación de tren e a reapertura de comercios e locais de hostalería.

Os municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal recuperan a subministración a horas dispares

Os municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal recuperaron a subministración eléctrica a horas dispares na madrugada deste martes tras o apagamento xeneralizado rexistrado o luns.

En concreto, na cidade de Ferrol, a enerxía eléctrica recuperouse ás 4,37 horas da madrugada, mentres que no resto dos municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal o restablecemento chegou a horas dispares, moitos deles en horas previas.

En Ferrol foron masivos os rescates de persoas en ascensores e, ademais, realizáronse comprobacións de subministración en xeradores. O servizo da internet e telefonía móbil, está practicamente restablecido.

As farmacias puideron fornecer as receitas máis urxentes e os centros de saúde seguiron activos para poder atender ás persoas que así o necesitaban.

Os hospitais da área Sanitaria de Ferrol, do mesmo xeito que no resto de Galicia, operaron con normalidade pero reforzando a subministración de gasóleo.

Sen trens de media distancia no Eixo Atlántico

Os principais problemas seguen estando na circulación ferroviaria. Segundo Renfe, a primeiras horas desta mañá seguían suspendidos os servizos de Media Distancia do Eixo Atlántico e os de ancho métrico de Ferrol-Ortigueira.

En longa distancia, Adif espera que se vaia recuperando o servizo a medida que regrese a subministración eléctrica.

Na estación de tren de Ourense os pasaxeiros do AVE non puideron abandonar Galicia e víronse obrigados a buscar aloxamento en hoteis da cidade.

Os operadores recomendan informarse antes de acudir ás estacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade