Luns de apagada e imaxes doutro tempo
Pagos en efectivo e policías locais exercendo de gardas de tráfico, entre as cousas que semellaban esquecidas por moitos
O día solleiro encheu praias como as de Riazor, mentres boa parte da Coruña estaba sen auga na billa ademais de sen luz
Foi o día en que algúns confundiron con incendios o fume que saía das chemineas da refinería da Coruña, que activou os grupos electróxenos para poder manter a súa actividade. O día en que os traballadores marcharon das empresas antes de tempo. O día en que se recuperou a figura do garda de tráfico, porque os semáforos deixaron de funcionar.
En xeral, condutores e peóns organizáronse de maneira exemplar, malia algunha colisión de pouca importancia. Foi, naturalmente, unha xornada en que todos miramos o móbil en busca de información, polo menos mentres houbo servizo de datos e aguantaron as baterías. Nesas primeiras horas, cadaquén tomouno á súa maneira.
Tempo solleiro durante esas horas que pasaran á nosa historia. Terrazas cheas e hostaleiros afrontando, de novo, situacións insólitas. Riazor estaba cheo a primeira hora da tarde, mentres en varios barrios da cidade quedaran xa, ademais de sen luz, sen auga na billa. Foi tamén unha xornada en que, cos caixeiros e os TPV inutilizados, só se puido pagar co efectivo que tiña cadaquén. Ante a dúbida de canto se demoraría o corte eléctrico, moitos optaron polo aprovisionamento.
Na noite máis escura en décadas, moitos deitáronse máis cedo do habitual. Non así na praza Roxa de Santiago, que se converteu nunha xuntanza masiva onde había que moverse, iso si, ás apalpadas.