Publicador de contidos
Publicador de contidos

A intensa chuvia causa unhas 200 incidencias en Galicia: anegan estradas e dificultan a circulación

A intensa chuvia causa unhas 200 incidencias en Galicia: anegan estradas e dificultan a circulación

O aviso laranxa por chuvia segue activo no suroeste da Coruña e aviso amarelo no resto de Galicia por precipitacións

O 112 Galicia avisa de risco de desbordamento de ríos en Santiago e Vigo

Tráfico prevé 1,6 millóns de desprazamentos en Galicia durante o Nadal

Aparcadoiro dos Cantóns anegado na Coruña
G24.gal 24/12/2022 09:10 Última actualización 24/12/2022 09:46

Este sábado amence mollado e con chuvia en boa parte do país. Así vai seguir esta xornada de Noiteboa, despois de varios días acumulando precipitacións.

Son demasiadas horas chovendo arreo. O temporal causa asolagamentos por toda Galicia que complican a circulación en varias estradas. A auga anegou incluso aparcamentos subterráneos, onde é imposible entrar sen botas.

O vento tampouco axuda, os refachos superan os cen quilómetros por hora en varios puntos da comunidade. É o primeiro gran temporal do inverno, en vésperas do Nadal e con dificultades en moitos puntos da rede viaria galega.

Boa parte das chamadas atendidas no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia por mor das choivas producíronse na provincia da Coruña.

Os concellos máis afectados foron os de Ferrol, Narón, Cedeira, Mugardos, Valdoviño, a comarca de Bergantiños e Santiago e a súa área de influencia.

A Axencia Galega de Emerxencias, Axega 112 Galicia, avisa este sábado do aumento dos caudais do río lagares en Vigo e do Sar en Santiago, o que incrementa o risco de desbordamento.

As concas do río Lagares, en Vigo Vigo, e do río Sar, no sur de Santiago, superaron os limiares establecidos para o control. Isto fai que aumenten as probabilidades de enchido total da canle e mesmo que poidan producirse desbordamentos, informa Emerxencias.

En Narón, a auga obrigou a cortar o tránsito na AG-64 en ambos sentidos debido ao rebordamento do río e aos asolagamentos da vía.

Pontevedra foi a segunda provincia, en canto ao número de incidencias atendidas (44), seguida de Lugo (13) e Ourense (3). En total, preto de 190 intervencións, que se basearon, de forma maioritaria, en inundacións en rúas, estradas e vivendas e bolsas de auga (máis de 80), caída de árbores (25) e actuacións dos grupos de emerxencias para a prevención de riscos maiores (31).

Ningunha das situacións representou unha situación de perigo maior para as persoas, pero si todos os danos e inconvenientes derivados deste episodio de meteoroloxía adversa.

A auga tamén está causando problemas na F-11 que une a autoestrada AP9 co Polígono da Gándara.

Outras moitas estradas están invadidas por fervenzas espontáneas que impiden o paso de vehículos. É o caso da DP-3603, que vai de Ferrol a Covas, preto de Canteiras Ferrolanas.

Fervenza sobre a estrada que une Ferrol e Covas

Na Coruña a auga inundou parcialmente o aparcadoiro dos Cantóns.

O aviso laranxa por choivas continúa activo no suroeste da provincia da Coruña ata as 6 da noite. 

No resto da Comunidade mantense o aviso amarelo por precipitacións.

Tamén está activo o Plan Inungal debido á necesidade de establecer un control e seguimento do nivel dos ríos ante a posibilidade de que se produzan desbordamentos.

Bombeiros traballando no Sar, en Santiago Bombeiros traballando no Sar, en Santiago
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade