As listas de agarda ou as baixas dos sanitarios servirán para avaliar a mellora da sanidade de aquí ao 2030
As listas de agarda ou as baixas dos sanitarios servirán para avaliar a mellora da sanidade de aquí ao 2030
As listas de agarda ou as baixas dos sanitarios servirán para avaliar a mellora da sanidade de aquí ao 2030
A Xunta de Galicia establece un total de dez indicadores para asegurar a transformación da sanidade pública en cinco anos
O 58 % da poboación, "satisfeita ou moi satisfeita" co Sergas
Reducir as listas de agarda na sanidade pública ou as baixas dos profesionais sanitarios están entre os obxectivos da estratexia de saúde da Xunta de Galicia para o 2030. Estes indicadores forman parte dun informe periódico que se encargará de avaliar a transformación dos sistema sanitario de aquí a cinco anos.
"Creo que temos un bo sistema de saúde pública pero mellorable. Estes indicadores reflicten o que podemos mellorar. Desde cuestións puramente asistenciais, como é o caso das listas de agarda ou reingresos, ata a percepción que ten a poboación do como coidamos a saúde", explica o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Entre eses dez indicadores, están as listas de espera para unha primeira consulta cun especialista, a satisfacción cidadá co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e as baixas de persoal.
Este martes, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ofreceu unha rolda de prensa acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, non só para explicar o método de avaliación, senón tamén para presentar o informe correspondente a 2024, que é o "documento de partida" para mellorar os parámetros cara ao final da década.
A estratexia, en palabras de Gómez Caamaño, busca "transformar e impulsar" o sistema sanitario público con cinco "obxectivos claros" para 2030: mellorar o benestar e a satisfacción da cidadanía co Sergas; garantir a accesibilidade, eficiencia e calidade do servizo; impulsar un modelo de atención integral baseado en prevención e en proactividade; velar polo coidado e a motivación dos profesionais; e construír un sistema de innovación virtuoso.
Dentro de cada un deles, establecéronse dous medidores -dez en total- para avanzar cara a eses "estándares" desexados para 2030. A situación inicial é "boa", segundo asegurou o conselleiro a preguntas dos medios, porque o Sergas é xa "un bo sistema de saúde público".
Iso non quita, dixo a continuación, que sexa "mellorable" nalgúns aspectos como as listas de espera e a atención aos pacientes, segundo dous exemplos que mencionou.
O 58 % da poboación, "satisfeita ou moi satisfeita" co Sergas
En canto ao primeiro obxectivo (mellorar a satisfacción da cidadanía co sistema), a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria celebrou que, en base á enquisa do Ministerio de Sanidade de 2023, o 58,2% da poboación galega está "satisfeita" ou "moi satisfeita" co Sergas, "por encima da media nacional" do 56,7 %, e a vontade é continuar superando o valor estatal cara ao final da década.
O outro medidor dentro do primeiro obxectivo é subir a unha nota de 7, nunha escala do 1 ao 10, na autopercepción da saúde por parte dos cidadáns para 2030. Este valor sitúase agora nun 6,25.
Dentro do segundo obxectivo (accesibilidade e calidade), a Consellería de Sanidade medirá os tempos de espera para unha primeira consulta cun especialista -para mediados de 2024, era de 71,6 días, 28 menos que a media estatal- e a taxa de reingreso dos pacientes, que agora está en torno ao 9 % e que confía en que, para 2030, sexa "menor do 8,5 %".
No terceiro obxectivo (prevención e proactividade), analizaranse as taxas de participación na campaña de vacinación contra a gripe, que xa está en niveis "altos"; e nos cribados de cancro de cérvix, para os que se están chamando ao 38 % das mulleres (224.332) co reto de elevar esta porcentaxe ao 98 % ao final da década.
Baixas do persoal no 12 %
No que respecta ao benestar dos traballadores, cuarto obxectivo, Sanidade medirá as incapacidades temporais e velará por que a porcentaxe siga estando por baixo da media galega cara a 2030. Os anos da crise covid supuxeron un incremento nas baixas entre o persoal -contan só as de fatiga física e emocional-, pero actualmente está situado nun 12 % cando na poboación xeral está no 14 %.
En canto ao quinto e último obxectivo (investigación e innovación), Sanidade quere que Galicia se manteña "todos os anos ata 2030" entre as seis autonomías que captan maiores fondos europeos e que se aumente o montante a 7 millóns ao final da década. En compra pública innovadora, anualmente estanse dedicado uns 2 millóns, unha contía que a Consellería espera manter.
Xunto a todo iso, o informe relativo á 'Estratexia Galega de Saúde 2030' sinala como dúas ferramentas clave o sistema Ianus5 de historia clínica electrónica e o proxecto investigador Xenoma, que busca definir o perfil xenético dos galegos para avanzar en prevención e personalización dos tratamentos.